- Os asistentes adquirirán ao longo desta semana coñecementos básicos sobre os sistemas de información xeográfica
- O Concello de Munich traballa con esta ferramenta de software libre promovida pola Generalitat Valenciana
Satisfacer as necesidades dos profesionais que traballan co medio físico no coñecemento das técnicas básicas dos sistemas de información xeográfica é o obxectivo do curso de gvSIG que, ao longo desta semana, se imparte na Cámara de Comercio de Santiago por iniciativa de Mancomún e a Dirección Xeral de Promoción Industrial e da Sociedade da Información.
GvSIG é unha ferramenta promovida pola Generalitat Valenciana , orientada ao manexo de información xeográfica e que se caracteriza pola súa accesibilidade gráfica. A súa utilidade é múltiple, sendo empregada para investigacións científicas, a xestión de recursos, a arqueoloxía, a avaliación do impacto ambiental, a planificación urbana…Por iso, esta aplicación de código aberto está dirixida a usuarios finais de información de natureza xeográfica, xa sexan profesionais ou das administracións públicas (concellos, deputacións, consellarías…).
O Concello de Munich implantará svGIS
O Departamento de Saúde e Medio Ambiente do Concello de Munich optou por esta ferramenta para a súa xestión, segundo informaron recentemente fontes da Generalitat Valenciana, promotores do desenvolvemento desta ferramenta.
A administración da cidade alemá indicou que o gvSIG é “unha ferramenta a medida que se adapta ás súas necesidades e que lles proporciona independencia tecnolóxica”. A este respecto, apuntouse que desde 1990 o departamento de Saúde de Munich está a producir e a publicar diferentes mapas temáticos relacionados co medio ambiente e a saúde pública polo que a partir de 2009 toda a tecnoloxía privativa relacionada con sistemas de información xeográfica vai ser substituída pola alternativa do gvSIG .
Ademais, o Concello de Munich colaborará no desenvolvemento do proxecto, mediante unha licitación pública de mantemento sobre gvSIG.
Fonte do despece: Gnumax
