Mancomún

Mancomún e Mozilla xa traballan conxuntamente

Venres, 23 Maio 2008
Tristan Nitot presidente da fundación Mozilla-europa
Tal como ven de recoñecer públicamente Tristan Nitot, Presidente e co-fundador da Fundación Mozilla-Europa, “Mancomún, a Xunta e Mozilla traballan conxuntamente no mesmo sentido“. Ratifícase deste xeito a iniciativa do Centro de Referéncia e Servizos de Software Libre de Galiza (Mancomún) para coordenar oficialmente o equipo de localización ao galego dos produtos promovidos pola Fundación Mozilla. Esta proposta ven de recibir ademais o apoio da Consellería de Innovación e Industria para que o galego sexa un dos idiomas oficiais nas próximas versións do noso navegador favorito: o Mozilla Firefox.

Se ben o obxectivo máis inmediato é obter canto antes unha versión oficial do navegador Firefox 3 en galego, o propósito do CRS a medio e longo prazo é consolidar o equipo de localización ao galego da suite Mozilla para dispoñer dunha tradución oficial ao galego das versións maiores desta suite.

Neste sentido, consolídase como canle de comunicación principal do equipo de localización a histórica rolda de distribución de correo posta en marcha por iniciativa de Mariano Grueiro en febreiro de 2005 -labor que despois continuou Miguel Branco antes da chegada de Mancomún- tras a renuncia de Jacobo de Tarrío quen, á súa vez, recollera o testigo do primeiro tradutor integrado na Fundación Mozilla dende o ano 1998, Camilo Regueiro actual vicepresidente de PuntoGal.

Pola súa parte, o Centro de Referéncia e Servizos de Software Libre de Galiza (Mancomún) fornecerá os recursos e servizos que resulten precisos para facilitar as labores de localización a través do dominio mozilla.mancomun.org, mantendo funcionais os servizos actualmente dados de alta no  dominio galician.mozdev.org (DNS, WWW e CVS) como respaldo ante eventualidades adversas.

En canto á metodoloxía de localización, Mancomún aplicará o modelo consensuado coa comunidade galega de localización (g11n), facilitando a libertación dos recursos xenerados no proceso de tradución de acordo coas especificacións LISA no seu caso e sempre en formatos abertos e/ ou baixo licenza libre. Cando proceda a contratación de servizos especializados para auxiliar a labor do equipo de tradución, estes servizos deberán reflexar estes requerimentos de forma explícita como parte do seu compromiso contractual.

Dende o Centro de Referéncia e Servizos de Software Libre de Galiza (Mancomún) queremos facer público o noso agradecemento a todas as personas, grupos ou asociacións e institucións que sentaron os alicerces deste proxecto dende o ano 1998 e tamén a quen, dez anos despois, sumou os seus apoios para finalmente obter a coordenación oficial do proxecto. En especial, consideramos necesario referirnos ás personas que, como único resultado do seu esforzo, obtiveron unha carga de frustración e desesperanza. Ogallá que o esforzo conxunto axude a facerlla máis levadeira a quen sinta sobre sí aínda o seu prescindibel peso.

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal