Mancomún

Mancomún e os GGUL reforzarán a presenza do software libre no Xuventude Galiza Net

Mércores, 1 Abril 2009

XGNO Xuventude Galiza Net quenta motores e con este, os grupos e entidades que farán desta décima edición do maior maratón informático de Galiza un encontro para recordar por todas as persoas que poidan vivilo de preto.O Centro de Referencia e Servizos de Software Libre de Galiza, Mancomún, estará alí  -entre os días 3 e 5 de abril, no Multiusos Fontes do Sar en Santiago de Compostela- cos Grupos Galegos de Usuarios de Software Libre (GGUL) para achegar as tecnoloxías de código aberto ás persoas asistentes.

Como en pasada edicións, e en virtude do convite realizado pola  Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade, Mancomún estará presente en calidade de coordinadora de todas as actividades vencelladas ao eido software libre, as cales foron sendo achegadas polos axentes integrantes da comunidade, tanto a título individual como de asociación.

A posta en práctica deste sistema de organización coordinada permitiu aos membros da comunidade na edición do ano 2008 adquirir un gran protagonismo a través da exposición dos seus proxectos e iniciativas. Asemade, acadáronse importantes fitos como a tradución ao 100% da interface do OpenOffice.org 3.0. Este ano, Mancomún prevé repetir o éxito da pasada edición coas actividades propostas.

Expoñemos a continuación a PROGRAMACIÓN PROVISIONAL destas:

1. Obradoiros

A. Obradoiro de tradución (Leandro Regueiro). Venres 3, 19:30 h. Sala 9

Obradoiro no que se realizaría unha pequena charla introdutoria sobre a localización de software, seguida dunha parte práctica para traducir algún material previamente escollido. Actualmente estase a debater na rolda dos GGUL cal é o prgrama máis adecuado.

B. Introdución á programación móbil: Java-ME (Alexandre González). Venres 3, 16:00 h. Sala 9

A plataforma Java Micro Edition, ou anteriormente Java 2 Micro Edition(J2ME), é unha especificación dun subconxunto da plataforma Java orientada a prover unha colección certificada de APIs de desenvolvemento de software para dispositivos con recursos restrinxidos. Está orientado a produtos de consumo como PDAs, teléfonos móbiles ou electrodomésticos. Java ME converteuse nunha boa opción para crear xogos en teléfonos móbiles debido a que permite facer emulacións nun PC durante a fase de desenvolvemento, subíndoos posteriormente ao teléfono. Este obradoiro abordará, de xeito introdutorio, temas como formularios e canvas nunha duración mínima de 2 horas (máximo de 4 horas).

C. Obradoiro sobre control automático e robótica con ferramentas open source (AULUSC). Sábado 4, 10:00 h. Sala 9

Como xa o fixera na pasada edición, o obradoiro abordará o uso de ferramentas open source para o control automático a través de open hardware, Arduino. Segundo esta idea, as persoas asistentes (máximo 36 persoas) participarán na construción de mini robots móbiles baseados no Arduino e coñecerán o xeito de aproveitar a potencia desta plataforma co uso do PC e de software de control robótico aberto, seguindo os titoriais achegados polos organizadores. A actividade terá unha duración de 7 horas aproximadamente repartidas en 2 sesións. Os participantes deberán achegar o seu propio equipo para a realización da actividade.

2. Relatorios

A. Barcamp (Fran Diéguez). Sábado 4, 10:30 – 14:00 h./18:30-21:00. Sala 10

Un Barcamp é unha reunión creada do desexo da xente de compartir e aprender nun ambiente aberto. É un evento intenso cheo de discusións, demostracións e interacción dos propios participantes. Esta non-conferencia/desconferencia informal xirará en volta do software libre, xogos e programación ademais de web 2.0 e todo o que o público queira contar. A axenda consistirá nunha serie de charlas de 30 minutos de duración cada unha, que se distribuirán ao longo da programación de obradoiros do XGN. A metade das sesións van estar acordadas de antemán e o resto serán improvisadas polos asistentes. En definitiva o público é o que imparte a “conferencia”. Máis información en http://www.glug.es/barcamp-2009/.

B. Instalación Automatizada de sistemas Debian e derivados (Adrián Boubeta). Sábado 4, 16:30 h. Sala 10

O relatorio achegará a todas as persoas asistentes as nocións básicas para a introdución á instalación automatizada mediante o uso de PXE, DHCP, TFTP e as utilidades do proxecto Debian. A presentación terá unha duración aproximada de 25 minutos.

C. Relatorio sobre a rede virtual galega (Lareta.net, Chuza, Blogaliza…)/ (Integrantes Lareta.net). Sábado 4, 17:00 h. Sala 10

As persoas integrantes de www.lareta.net, un sistema de microblog e proxecto de GLUG, farán unha presentación en público deste sistema. A demostración e a exposición das súas características ten como obxecto incrementar o número de persoas usuarias e aumentar, así, a masa de galegos que navegan na recoñecida “Rede Virtual Galega”. Asemade, falaranse das distintas mashups (aplicativo web híbrido) nas que está a traballar este colectivo co propósito de incrementar a participación de desenvolvedores. Lareta.net é un proxecto licenciado con GNU Affero General Public License e os contidos dos usuarios en Creative Commons Attribution 3.0.

D. Software libre no campo da seguridade informática (Manuel G. Regal): Sábado 4, 19:30 h. Sala de relatorios

O relatorio abordará a temática da seguridade ofensiva, concretamente sobre as análises de penetración (penetration test). A idea da seguridade ofensiva e os pentest consiste en probar a seguridade dunha organización desde o punto de vista dun atacante ou ameaza externa. Na charla falarase das fases dunha análise de penetración: visita (condicións, alcance da análise, …),seguimento do rastro, exploración e enumeración, análise de vulnerabilidades, explotación, informe e valoración. Para cada unha destas fases ofrecerase unha explicación de qué se busca e qué ferramentas libres existen na actualidade.

3. Actividades na libre zona/intranet

A. Stepmanía/DDR (Inestable)

Stepmanía é un simulador do clásico xogo de baile arcade “Dance Dance Revolution”, só que neste programa pódese modificar por completo o software (cambiar o seu aspecto, cancións, pasos, personaxes…). O torneo terá dúas modalidades en función do número de persoas inscritas,iniciación e avanzado. Realizarase unha rolda previa clasificatoria e posteriormente unhas eliminatorias entre os mellores clasificados segundo o esquema de cuartos (opcional), semifinais e final.

    B. Tron/Armagetron (Inestable)

    C. Nexuiz (Inestable)

Toda esta información (inscrición, horarios definitivos, normas…) estará accesíbel na web interna do Xuventude Galiza Net.

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal