O Centro de Referencia e Servizos de Software Libre, Mancomún, acaba de estender o prazo de inscrición para o 2º Plan de Capacitación TIC co obxecto de facilitar a asistencia dun maior número de empresas TIC, que puideran ter permanecido alleas á convocatoria por mor das festas do Nadal.De acordo con este aprazamento, a primeira sesión teórica do curso terá lugar o sábado 17 na Cámara de Comercio de Vigo (Rúa República Arxentina 18A, Vigo) e continuará nas vindeiras sesións prácticas, tamén na cidade olivica, no Colexio Vivas (Rúa Príncipe 17 e Policarpo Sanz 20, Vigo).
As persoas interesadas poderanse anotar no enderezo formar @ mancomun.org enviando o documento de inscrición antes do vindeiro día 15 de xaneiro. Co propósito de acadar un aproveitamento óptimo da formación, o número de prazas ficará restrinxido a 15 persoas.
Un programa de formación para afrontar a crise
O plano de capacitación TIC é unha iniciativa, promovida pola Dirección Xeral de Promoción Industrial e da Sociedade da Información a través do Centro de Referencia e Servizos de Software Libre, que ten como obxectivo dotar as empresas TIC galegas dos coñecementos necesarios para a implantación e para o apoio técnico de servizos básicos en software libre. Unha medida coa que a Dirección Xeral pretende que o tecido empresarial galego dea un paso máis cara á independencia tecnolóxica, situándose nunha posición idónea para afrontar a crise ao evitar a dependencia de axentes externos.
O programa, estruturado en dous bloques, afrontará a introdución á planificación de proxectos de implantación e apoio en SwL e, nun nivel máis práctico, a implantación e o apoio de servizos básicos en SwL.
O primeiro destes módulos concentrarase na primeira sesión do sábado 17 e terá unha duración aproximada de 5 horas. Estará dirixido, fundamentalmente, a persoal directivo ou responsábel de proxectos de empresas TIC, mentres que o resto da materia orientarase a persoal técnico. Este segundo módulo será impartido os venres (de 16:00 a 20:00) e os sábados (de 10:00 a 14:00 h. e de 16:00 a 20:00 h.) de xeito intensivo, até o día 24 de febreiro.
Esta iniciativa xa se realizou, con similares características, nunha edición piloto en Santiago de Compostela o pasado mes de xullo, e cal recibiu valoracións moi positivas por parte dos asistentes. A experiencia previa permitiu, ademais, adaptar os contidos do curso ás necesidades reais de formación en SwL das empresas TIC galegas.
