Mancomún

Mancomún fai dispoñíbel o CD de OpenOffice.org 3.1 en galego

Venres, 22 Maio 2009

Unha semana despois de publicar a versión en galego do OpenOffice.org 3.1, hoxe poñemos á vosa disposición un CD autoarrancábel que contén todos os instaladores da versión 3.1 desta suite ofimática en galego para os distintos sistemas operativos.

Este CD forma parte dos nosos produtos estrela que podedes atopar facilmente na nosa portada, ou dende a sección Descargar Programas. 

A demanda deste produto é bastante alta, xa que resulta moi útil como material de difusión do OpenOffice.org. Por exemplo, repartíndoo en cursos de formación sobre esta suite ofimática libre permite que os asistentes poidan levalo ás súas casas e empregalo nos seus computadores, teñan o sistema operativo que teñan, facendo así máis patente unha das grandes vantaxes do uso do software libre.
Concretamente, o CD que poñemos á vosa disposición inclúe:

  • OpenOffice.org 3.1 para Windows, GNU/Linux (formato deb e rpm) e Mac OS X (para procesadores Intel) co corrector ortográfico en galego xa instalado.
  • Pack de idioma galego para OpenOffice.org 3.1. (Para versións de Windows anteriores a XP.)
  • Extensión do corrector ortográfico de galego para OpenOffice.org.
  • Instrucións de instalación para cada un dos sistemas operativos.

Podedes descargar a imaxe ISO para crear o voso propio CD.

Para evitar confusións innecesarias, lembramos que se o que desexades é simplemente instalar o OpenOffice.org 3.1 en galego no voso computador, abonda con que descarguedes o instalador axeitado ao voso sistema operativo dende a páxina do produto OpenOffice.org.

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal