Baixo o título “Software libre na empresa: vantaxes do seu uso e oportunidades de negocio”, Castroagudín iniciará a exposición introducindo brevemente os asistentes na filosofía e na historia dos programas de código aberto, para continuar coa análise detallada de casos de éxito no uso destas tecnoloxías en empresas galegas, como son, por exemplo, Estrella Galicia ou Blusens.
A charla, promovida polo persoal docente da Sangriña, está dirixida ao profesorado en xeral, pero tamén a todo o alumnado que está a cursar estudos con afinidade á informática e á empresa: Ciclo Medio de Informática, CM e CS de Administración, 1º Bacharelato que cursa Tecnoloxías da información e da comunicación e 4º ESO con informática.
DVD de ferramentas informáticas para a PEME
Mancomún pon a disposición de todos os galegos e galegas un DVD con ferramentas informáticas de código aberto, gratuítas e en galego dirixidas a satisfacer as necesidades informáticas da PEME galega.
Cos programas contidos neste DVD, calquera empresa dispón de aplicativos para manexar a súa contabilidade, xestionar os seus recursos, levar a súa comunicación interna e externa para, en definitiva, integrarse nun modelo empresarial baseado no coñecemento e as TIC cun custo cero e na nosa lingua.
O DVD de ferramentas informáticas para a PEME foi repartido dende a súa creación, en novembro de 2007, entre as asociacións empresariais, cámaras de comercio e outros organismos intermedios co fin de dar a coñecer as vantaxes do software libre empresarial. O seu contido está tamén accesíbel a través da web de Mancomún.
