O pasado venres, día 14, o Centro de Referencia e Servizos de Software Libre, Mancomún, impartiu unha charla sobre software libre a un grupo de asistentes a un curso de formación ocupacional público que trata sobre o desenvolvemento de aplicativos informáticos.
Esta charla puido ter lugar grazas á iniciativa de Darío Xelmírez, mestre encargado de impartir este curso, quen se puxo en contacto connosco para propoñernos esta actividade.
Segundo as súas propias palabras: “A gran motivación da iniciativa é a vontade de colaboración, propia e allea. A idea é introducir mediante conferencias e mediante un proxecto real esta temática nos alumnos. Obxectivo: Colaborar coas iniciativas que están tendo lugar e proporcionar unha ferramenta que axude os alumnos a emprender camiños empresariais.”
Nesta charla expuxéronse temas e ideas tales como o nacemento e historia do software libre, as licenzas libres, distribucións GNU/Linux, etc. Unha primeira charla introdutoria que rematou cunha proba práctica da distribución Galinux nos computadores da aula.
No futuro terán lugar outras charlas, como a que terá lugar este martes 18, impartida por Roberto Brenlla, na que se falará da relación do software libre co mundo da empresa e temas como modelos de negocio, licenciamento dos programas, etc.
