Mancomún

Mancomún libera a nova versión de Galinux 9.04

Venres, 29 Maio 2009

GalinuxO Centro de Referencia e Servizos de Software Libre libera hoxe a nova versión de Galinux para a recente versión 9.04 de Ubuntu -Jaunty Jackalope. O lanzamento, que sucede á recente actualización do metapaquete mantén o compromiso adquirido por Mancomún para fornecer a toda a sociedade galega dun completo sistema operativo libre,  en galego, ademais, de en continua actualización, de acordo coas melloras constantes achegadas pola comunidade.

A nova versión de Galinux, ao basearse na Ubuntu Jaunty Jackalope, corrixe os erros contidos en Intrepid Ibex e mellora en moitos aspectos. Así, os usuarios de Galinux 9.04 atoparanse como principais novidades coa actualización do contorno de escritorio a GNOME 2.26 e, o que é máis importante, unha cualitativa mellora no rendemento do sistema, tanto en tempo de arranque do sistema como no arranque dos aplicativos instalados.

Por outra banda, debido ao período de marxe transcorrido entre a publicación oficial de Ubuntu 9.04 e do Galinux 9.04 xa terá instalados de xeito automático os preto de 50 MB de actualizacións incorporadas a maiores ata o día de hoxe, momento da súa remasterización, nos repositorios do sistema operativo base.
Galinux 9.04 é a segunda das versións publicadas por Mancomún dende que este sistema operativo foi presentado a finais do pasado ano 2008. Dende esa data, o centro leva atendendo a ampla demanda suscitada polo produto entre toda a sociedade galega, para o que se repartiron máis de 23.000 exemplares e preto de 35.000 descargas a través da rede.

Nesta ocasión, como na anterior liberación, o usuarios do Galinux que así o desexen poderán actualizar o seu sistema sen necesidade de reinstalar o seu computador, a través do repositorio de Mancomún -dispoñíbeis tamén no noso wiki están as instrucións para a actualización. Outra opción será a descarga do CD ben para a súa instalación directa ben para a súa proba en modo vivo (live-cd).

No entanto, para os que se inician no seu uso, Mancomún recomenda o Galinux 8.04 LTS, por mor de estar baseada en Ubuntu 8.04 LTS e ser, polo tanto, a versión obxecto de actualizacións de seguridade por un tempo superior ás versións habituais. O Galinux 8.04 pode obterse a través dos puntos de distribución ou tamén a través da descarga na web.

Galinux, un completo sistema operativo libre e en galego

Galinux é un completo sistema operativo libre en galego desenvolvido por Mancomún que incorpora todas as funcionalidades típicas dun sistema operativo, ademais de traer integrados aplicativos libres de relevancia como o popular navegador Firefox, a suite ofimática OpenOffice.org (procesador de textos, folla de cálculo, presentacións multimedia…), un corrector ortográfico en galego, programa cliente de correo electrónico, un aplicativo de retoque fotográfico de alta calidade, outro de mensaxería instantánea, reprodutores de son e vídeo, gravador de CD e DVD, etc. Todos eles en galego e con actualizacións permanentes.

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal