A Iniciativa Galega polo Software Libre vén de participar na reunión do Grupo de Expertos IDABC de Software Libre que tivo lugar onte en Bruxelas nas dependencias da Dirección Xeral de Informática (DIGIT) da Comisión Europea e que tivo como principal obxectivo a presentación do estudo de viabilidade do proxecto OSOR (Observatorio e Repositorio Europeo de Software Libre).
Mancomun.org foi o único proxecto de Software Libre do Estado que participou neste evento de carácter interno. Isto foi posible a raíz da incorporación de Xesús Manuel Benítez Baleato ao Grupo de Expertos do IDABC despois do obradoiro do OSS IDABC en Badaxoz.
A proposta para a creación do grupo de usuarios está orientado ao establecemento dun mecanismo de dinamización do OSOR cunha estrutura baseada nunha organización supervisada por unha xunta directiva que facilite a xestión dos proxectos. Segundo as exposicóns realizadas, trataríase dunha organización sen personalidade legal e de carácter individualista, que celebraría tres encontros informais ao ano, promovidos pola Comisión Europea, e que actuaría a través dun voceiro de ser precisa a intervención en eventos externos.
