- A participación de Mancomún centrouse nas áreas de localización e desenvolvemento
- O Centro de Referencia e Servizos de Software Libre comprométese a facilitar a participación da comunidade galega en futuras edicións
- A empresa galega Igalia tamén asistiu ao encontro
O Centro de Referencia e Servizos de Software Libre de Galiza (Mancomún) participou esta fin de semana no encontro europeo sobre software libre para a comunidade de persoas desenvolvedoras de tecnoloxías abertas, Fosdem 2009, co propósito de contribuír ao intercambio de coñecementos e de iniciativas en volta de proxectos internacionais de software libre.
Mancomún, que estivo representada polo seu coordinador, Xesús Manuel Benítez Baleato, acudiu por primeira vez a este encontro coa intención de achegarse á dinámica interna do FOSDEM, de cara a unha maior implicación en futuras edicións. Unha implicación que o Centro de Referencia e Servizos de Software Libre de Galiza quere facer extensíbel a toda a comunidade galega de software libre e para a que o seu coordinador se comprometeu a “realizar un esforzo adicional de promoción e coordinación, como xa sucede con outros actos como o Xuventude Galiza Net e o Congreso Internacional de Software Libre“.
Segundo explicou Baleato, “quedaron abertas canles para a coordinación, coa organización do evento, de actividades para a próxima edición así como a posibilidade de apoialo mediante patrocinio”.
Perspectivas futuras á parte, o coordinador de Mancomún participou como un membro máis da comunidade nos relatorios máis vencellados á actividade do Centro -as áreas de localización e de desenvolvemento-, intervindo activamente nas charlas organizadas polas comunidades de Mozilla, Oo.org, Debian e Gnome.
Desta maneira, abordouse coas persoas desenvolvedoras de Mozilla Europa o novo concepto de comunidades e afondouse no proceso de desenvolvemento do Seamonkey. Ademais, afondouse no proceso de aseguramento da calidade (QA), que está a ser implementado para todos os proxectos da Fundación e que tamén lle está a ser aplicado aos procesos de localización. Como sempre, os relatorios de Mozilla caracterizáronse por unha coidada estética e un foco, se cadra, excesivamente centrado na propia organización.
Por outra banda, foi especialmente intensa a participación do coordinador de Mancomún nas actividades organizadas pola comunidade Debian. Este interese radica fundamentalmente na próxima liberación da versión 5 da distribución, dada a situación da localización ao galego desta distribución. Así, ademais de coñecer o proceso de liderado na comunidade, Mancomún participou na presentación do futuro sistema de paquetes tdeb que incorpora extensions útiles no referido á localización.
Con todo, o relatorio de maior transcendencia foi o referido a i18n, no que o membro do equipo francés de localización, Nicolas François reflectiu a problemática da internacionalización en Debian, e no que se sinalaron casos como o noruegués, moi semellante ao galego, para os que de forma xenérica se propoñen como mellora a configuración de equipos de localización con capacidade de respaldo. O resultado desta reunión non puido ser máis positivo, pois, á súa saída, membros do grupo vasco LibreZale actuaron como intermediarios ante a organización translate.org.za , ONG que actualmente mantén o Translation Toolkit e que amosou unha demo da nova versión moi mellorada de Pootle, xunto con Virtaal, un novo cliente desconectado que potencialmente podería satisfacer as necesidades expresadas nos consensos do g11n.
Ademais de Mozilla e Debian, outros proxectos de localización nos que Mancomún está a ter un papel moi activo como é o caso de Gnome ou Openoffice, cuxa tradución coordina actualmente, atraeron a atención de Mancomún en casos determinados como o relativo á especificación UNO para OO.org.
Outras áreas de actividade de Mancomún, como a relativa ao AraOS, levou ao coordinador de Mancomún a participar nalgún dos obradoiros organizados pola comunidade SuSE, como o referido aos aspectos legais vencellados ás marcas e ás licenzas dunha distribución.
No aspecto centrado no desenvolvemento, foron dous os focos de interese: aspectos concretos do desenvolvemento do kernel de linux (como syslinux e o novo sistema de ficheiros ext4. Nun plano máis social, o Google Summer of Code , que inspirou a proposta realizada polos GGUL para promover unha actividade similar de ámbito galego.
Este último aspecto foi precisamente o que definiu a recta final da participación galega no encontro: en primeiro lugar, a través da análise sobre a participación de Debian nel, e, finalmente, no concorrido relatorio final, impartido por Leslie Hawthorn de Google que faría patente a deriva comercial dun evento que nos seus inicios presumia de non selo.
En definitiva, e segundo valorou o coordinador de Macomún, “un evento altamente produtivo tanto para as persoas interesadas en tecnoloxías ou proxectos específicos como para as máis interesadas en facetas relacionadas coa coordinación e e coa xestión de comunidades. Unha reunión que, se ben non se dá achegado á dimensión doutros encontros como o FISL brasileiro, ou á calidade técnica do CCC, é un punto intermedio localizado naquel punto central desa Europa en construción permanente”.
