- O pasado venres reuníronse representantes da comunidade de tradución de software libre ao galego na segunda xornada de traballo do “G11n: eu traduzo o teu software”
- Mancomún presentou tamén un primeiro borrador do “Manual de localización de software” sobre o que traballará conxuntamente coa comunidade para crear unha guía de estilo que defina os futuros proxectos de localización
O Centro de Referencia e Servizos de Software Libre de Galiza, promovido pola Dirección Xeral de Promoción Industrial e da Sociedade da Información, coordinará co resto de axentes da comunidade tradutora de software ao galego a consolidación dunha plataforma común e centralizada de traballo na que se integren todos os proxectos de localización realizados pola comunidade en Galiza, así como tamén as memorias e os compendios que documenten cada un dos procesos.
Paralelamente e como primeiro paso cara á harmonización de todos os axentes implicados- Administración, voluntariado e empresas-, Mancomún presentou o primeiro borrador do “Manual de localización de software”. Este texto, aínda en fase inicial, será traballado conxuntamente coa comunidade co fin de xerar un documento de consenso sobre o que se sustenten todas as futuras traducións de software, acadando, así, a mellora na coherencia final do software galego e asegurando a súa calidade lingüística.
Estes foron os principais obxectivos marcados no transcurso da segunda xornada de traballo do “G11n: eu traduzo ao teu software”, que tivo lugar o pasado venres 31 de outubro e que reuniu a membros destacados da comunidade de tradución en Galiza, tanto do eido do voluntariado como das empresas.
A xornada de traballo, organizada polo Centro de Referencia e Servizos de Software Libre coa vontade de dar continuidade aos consensos do primeiro evento “G11n: eu traduzo o teu software” celebrado no pasado mes de maio, pretendía sentar a dinámica de traballo instaurada no primeiro encontro. Segundo isto Mancomún establecíase como elemento dinamizador na localización de aplicacións de tecnoloxías abertas promovendo a implicación das empresas co voluntariado e fornecendo infraestruturas e servizos. Nesta medida, a presentación do Manual vén responder a unhas das principais demandas da comunidade recollidas na anterior sesión.
A reunión contou coa participación activa de cada un dos asistentes, que coincidiron en sinalar os avances acadados no tempo transcorrido dende a pasada cita, pero xunto aos que tamén se indicaron matices de autocrítica. O coordinador de Mancomún, Xesús M. Benítez Baleato, destacou neste senso que “temos unha comunidade moi motivada e con vontade de autosuficiencia onde coincidimos na necesidade de mellorar o potencial de masa crítica pra acadar a sustentabilidade dos procesos de localización de software ao noso idioma”.
Deste xeito, Mancomún, como punto visible de unión entre todos os axentes integrantes da comunidade de tradución de SwL en Galiza, comprometeuse non só a acometer novas iniciativas como as xa presentadas senón tamén a seguir perpetuando a dinámica de traballo conxunto e coordinado, tanto a través da rolda pública G11n coma coa promoción de sesións de traballo interno.
Asemade, buscará incrementar a participación nas actividades de localización traballando por unha maior difusión do SwL, fóra da comunidade xa existente, con iniciativas de formación e difusión. Ademais de tentar establecer unha metodoloxía e un contorno de traballo o menos árido posible.
Unha infraestrutura común para o impulso do galego en todos os ámbitos da sociedade
O Centro de Referencia e Servizos de Software Libre de Galiza iniciará a implantación dunha infraestrutura centralizada e común de localización ao galego de SwL, á que terán acceso libre todos os membros da comunidade de tradución.
Esta plataforma, segundo as necesidades e as demandas especificadas por cada un dos axentes, traballará en modo asíncrono fornecendo un contorno cliente-servidor que facilite as tarefas de tradución de calquera aplicación.
A infraestrutura, que ben podería basearse sobre algunha aplicación existente ou ben ser desenvolvida integramente pola comunidade co apoio de Mancomún, deberá integrar os distintos estándares, permitir a visualización simultánea doutras traducións e integrar correctores ortográficos e gramaticais, entre outras características. Todo isto co propósito de crear unha ferramenta que facilite e posibilite a tradución a calquera persoa, incluso con coñecementos reducidos no ámbito da programación.
Metodoloxía e calidade lingüística no software galego
O Manual de localización de software presentado por Mancomún naceu da necesidade de acordar unha metodoloxía de traballo conxunta acompañada dunha guía de estilo que dotase de uniformidade e criterios de calidade lingüística ao software en galego -unha das principais demandas da comunidade de galeguización do software, recollidas no primeiro encontro “G11n: eu traduzo o teu software” – involucrando neste proceso liderado polo voluntariado tanto ás empresas como a administración pública.
A versión inicial deste documento, que ven de ser alargado a través da rolda de distribución de correo buscando acadar a maior conformidade co resto da comunidade, ofrece unha proposta lingüística relacionada coa tradución de software que permite ao voluntariado ter unha coherencia terminolóxica e estilística e facer un uso correcto das regras gramaticais, sintácticas e de puntuación.
Recoméndase para iso o seguimento duns principios básicos nos que como premisa xeral se establecen para as escollas terminolóxicas, partindo da versión orixinal, a harmonía coas outras linguas romances, priorizando sempre a lingua portuguesa, de entre estas de acordo coas orixes comúns que nos vencellan á comunidade lusófona co dobre propósito tanto de achegamento cultural como de redución significativa do custe de localización tanto en termos de tempo como dinerarios.
De prosperar esta iniciativa, o galego sería a única língua do mundo que contaría cun modelo de localización de software elaborado mediante a conciliación dos intereses, tantas veces contrapostos dos distintos axentes involucrados: voluntariado, empresas e administración pública.
Este evento contou coa colaboración da recentemente inaugurada Oficina de Software Libre da Universidade de Santiago, posta en marcha en virtude dun convenio que a Universidade de Santiago de Compostela asinou coa Consellaría de Innovación e Industria no marco das accións de difusión do software libre centralizadas en Mancomún, o Centro de Referéncia e Servizos de Software Libre de Galiza.
