Mancomún

Mancomún publica unha nova versión da primeira guía de localización consensuada coa comunidade

Martes, 10 Marzo 2009
  • O documento formaliza a metodoloxía de traballo consensuada coa comunidade e certifica determinadas escollas terminolóxicas
  • O texto, nun estado moi avanzado, está a ser elaborado a raíz das achegas realizadas polos distintos axentes implicados na tradución de aplicacións de código aberto
  • O manual incorpora como anexo terminográfico o maior glosario bilingüe inglés-galego de localización de software

G11nO Centro de Referencia e Servizos de Software Libre de Galiza (Mancomún)  pon hoxe a disposición de toda a sociedade galega unha nova versión do “Manual de localización” (tradución de software libre ao galego). Trátase dun documento que, sobre o consenso de todos os axentes implicados na tradución ao galego de programas de código aberto, integra o labor do voluntariado e do colectivo empresarial optimizando a calidade lingüística mediante a implantación dunha metodoloxía de traballo común e dunhas escollas terminolóxicas determinadas.

A iniciativa cumpre o compromiso acadado pola Consellaría de Innovación e Industria de cara á creación dunha guía de estilo para as traducións informáticas ao galego. Precisamente fai agora dous anos, a directora xeral de Promoción Industrial e da Sociedade da Información, Helena Veiguela, explicaba que a Consellaría estaba a sentar as bases para a creación dunha metodoloxía de traballo orientada á tradución de software, que incluíse a certificación do léxico empregado polo Termigal, así como a detección das diferentes metodoloxías e ferramentas empregadas pola comunidade. Estas declaración facíanse no marco do curso “Entrans: a lingua galega e a tradución do software libre para Galiza” en marzo do 2007.

Un manual de consenso

Tras un intenso traballo de posta en común colaborativa e de consulta ás personas especializadas na materia, convócase un ano despois a primeira edición do g11n da que xorde un consenso sobre a metodoloxía de localización proposta por Susana Sotelo Docío e un método de negociación terminolóxica nomeado "consenso asesorado", proposto por Xusto Rodríguez Río. Tras o evento ,esta metodoloxía comeza a ser implementada de inmediato nos traballos de localización promovidos por Mancomún, servindo de base para a elaboración dunha primeira versión (versión 0.5) que se presenta na segunda edición do G11n, celebrada no pasado mes de novembro de 2008.

A versión 0.9 do Manual, que se publica hoxe, ofrece un traballo moi avanzado con respecto ao anterior documento pechando prácticamente todo o apartado de criterios lingüísticos e deixando perfilada a sección de contidos técnicos. Trátase en todo caso dun documento en construción permanente, pois tal como sinala o coordinador de Mancomún, "estamos ante unha obra colectiva e aberta, reflexo do consenso dos distintos axentes que integran a comunidade galega de localización e que irá incorporando as achegas obteñan un grao igual de consenso". O estadio da nova versión define xa o documento como unha ferramenta operativa para tradutores consolidados que queiran facer favorecer os criterios de consenso nas súas traducións; pero tamén para todas aquelas persoas, que desexando iniciarse na localización de software, descoñecen as técnicas e os procedementos requiridos.

Recolle aspectos técnicos e lingüísticos

Afondando nos seus contidos, o Manual de Localización de Software estrutúrase -como se adiantaba anteriormente- en dous apartados claramente diferenciados: por unha banda, o de técnicas de localización, e por outra, os criterios lingüísticos. Segundo isto, o documento comeza coa introdución e descrición das distintas técnicas existentes (aplicativos- Kbabel, Gtranslator, LoKalize…-, estándares – XLIFF, TMX, PO…) para pasar, detalladamente, á definición de criterios lingüísticos de estilo, ortotipográficos, morfosintácticos e terminolóxicos.

No apartado lingüístico a maior achega do documento reside na proposta dunha pauta de decisión obxectivábel ante frecuentes dúbidas de tradución, que teñen derivado tradicionalmente en debates nunca finalizados (window, tab, plug-in…). O propio documento explica que “a elaboración dun algoritmo terminolóxico tornouse nunha prioridade vista a necesidade de solucionar un dos principais problemas na localización de software para galego: a inconsistencia terminolóxica”.

O algoritmo de decisións prima, nos casos de discordancia, os termos recoñecidos como estábeis en portugués, polo que constitúe un compromiso voluntario por parte dos axentes tradutores para a súa posta en práctica e a consecuente materialización de uniformidade terminolóxica buscada. Polo tanto, aínda que o documento pretende ser unha guía de recurso para toda a comunidade tradutora, non xorde con afán prescritivo e impositivo senón simplemente suxestivo.

O Manual de Localización de Software publícase como unha obra colectiva promovida polo Centro de Referencia e Servizos de Software Libre de Galiza e coa participación do persoal do Cesga, o Proxecto Trasno, a Cooperativa Tagen-Ata e Imaxín Software baixo a supervisión do lingüista do centro, Antón Méixome.

Glosario de termos

No seu propósito de achegar a todos os axentes tradutores ferramentas e recursos capaces de facilitar o súa labor, a nova versión do Manual de Localización de Software fornece como anexo terminográfico, un glosario bilingüe inglés-galego.

O glosario recolle uns 3000 termos que, traducidos en 7.000 formas de equivalencia -1.015 con dobre saída e 300 con triple saída-, o converten na maior compilación extraída dun corpus textual de localización galega de software. O glosario tal como se publica debe entenderse como un material sobre o que o tradutor pode consultar formas e escollas que tradutores previos foron tomando e que son reais e efectivas no ámbito específico da localización de software, pois tal como explica o responsábel lingüístico de Mancomún “contamos co consenso da comunidade, pero será a posta en práctica dos criterios estabelecidos os que certifiquen a validez deste documento”.

O obxectivo deste material está orientado á consolidación terminolóxica e estilística das principais localizacións ao galego. Para isto baseouse na extracción de termos nos proxectos que requiriron dun maior esforzo de tradución de consistencia: Gnome, Debian, KDE, AraOs, OpenOffice.org, produtos Mozilla e ficheiros do Traducif. A partir desta selección, o léxico foi elaborado por medio de distintos filtrados consecutivos por ocorrencias e resolución de ambivalencias.

O material resultante preséntase agora ao público en dous formatos, en CSV e en TBX. O primeiro deles permitirá o seu uso a través de calquera ferramenta ou material de consulta que haxa ou que poida ser creada como obra derivada. Por outra banda, a escolla do TBX está orientada a dar un paso adiante na innovación das técnicas de tradución en tanto que é a primeira aplicación coñecida do estándar internacional para o intercambio de terminoloxía (TBX) que acaba de ser aprobado como norma ISO e, polo tanto, posibilitará a súa adaptación a calquera ámbito lingüístico.

O glosario publícase baixo licenza recoñecemento-compartir baixo a mesma licenza. 3.0.

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal