Mancomún

Mancomún tenderá pontes entre as empresas tic de Galiza e Portugal para a promoción do SwL

Xoves, 27 Novembro 2008
 
O acordo de colaboración xurdiu a raíz da xornada de traballo organizada por Mancomún en torno ao DVD Ferramentas Informáticas para a PEME e na que participaron, como convidados, membros da ESOP.
 
O Centro de Referencia e Servizos de Software Libre de Galiza, Mancomún, colaborará coa Associação de Empresas de Software Open Source Portuguesas (ESOP) co obxecto de intercambiar experiencias de promoción e de difusión de software libre, promovidas dende a Administración Pública e enmarcadas no eido da actividade empresarial.
ESOP

Este acordo xurdiu a raíz da xornada de traballo organizada por Mancomún o pasado día 13 de novembro, no que se deron cita representantes das empresas TIC galegas co fin de definir as prioridades que deben establecerse na promoción das tecnoloxías e os estándares abertos de cara a súa implantación efectiva entre a pequena e mediana empresa de Galiza. O encontro, que foi presidido pola directora xeral de Promoción Industrial e da Sociedade da Información, Helena Veiguela, xunto co coordinador de Mancomún, Xesús M. Benítez Baleato, tivo como convidados a membros da directiva da ESOP que valoraron moi positivamente as iniciativas promovidas dende o goberno galego.

 

A este respecto, o presidente da ESOP, Gustavo Homem, salientou que en Galiza existen iniciativas que, da man da Administración Pública, están a conseguir grandes éxitos, tal como é o caso de Mancomún ou, xa no propio eido empresarial, a Asociación Galega de Empresas de Software Libre (Agasol). Segundo indicou Homem “Existem em Portugal múltiplas possibilidades por explorar no que respeita à adopção de soluções abertas. A experiência da Galiza por via da iniciativa Mancomun poderá contribuir para alargar as nossas perspectivas e avaliar os cenários em que a adopção destas tecnologias tem dado melhores resultados”.

Con esta idea, Mancomún e a ESOP definirán mecanismos para a promoción do software libre dende a perspectiva da produtividade empresarial e incidindo sempre nos criterios comunitarios de interoperabilidade e estándares abertos. O feito de que Mancomún estableza un acordo que transcende as fronteiras galegas, achegándose ao país veciño, pon de manifesto a súa aposta pola materialización do Marco Europeo de Interoperabilidade (EIF) e de todas as liñas estratéxicas artelladas para a construción de Europa a través do Tratado de Lisboa.

O acordo visibiliza a potencialidade das tecnoloxías abertas para favorecer a internacionalización das empresas galegas e a oportunidade de xeración de negocio que representa nun contexto de crise económica.

Mancomún, unha aposta por Europa

A subscrición deste acordo enmárcase dentro da liña estratéxica de Mancomún por promover os estándares abertos dentro do marco estratéxico da Comisión Europea. O Centro de Referencia e Servizos de Software Libre de Galiza está a contribuír na construción do espazo comunitario participando activamente en numerosos proxectos europeos de gran repercusión, vencellados ao desenvolvemento de servizos paneuropeos de goberno electrónico.

A este respecto, Mancomún participou na configuración do EIF dende os seus primeiros bocexos, defendendo claramente o uso dos estándares e as tecnoloxías abertas como único sistema viable para o desenvolvemento dun goberno electrónico europeo común. Este principio, recollido como factor clave pola nova versión do EIF, é dende hai tempo unha das liñas estratéxicas fundamentais das políticas públicas da Xunta de Galiza no seu obxectivo de acadar o desenvolvemento pleno da Sociedade da Información en Galiza. A iniciativa está recollida no Plano Estratéxico Galego da Información PEGSI), en cuxa elaboración participou tamén Baleato como asesor técnico.

Por outra banda, O Observatorio e Repositorio Europeo de Software Libre (OSOR), presentado recentemente polo IDABC en Bruxelas, reproduce mimeticamente a estrutura de Mancomún, como un modelo de éxito aplicado en Galiza dende fai máis de dous anos. Un dos feito polo que foi obxecto de estudo por parte da universidade holandesa Unu-Merit.

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal