Mancomún

Manual práctico de supervivencia en la administración electrónica

Luns, 8 Febreiro 2010

Manual de e-administraciónAlberto López Tallón, funcionario da administración xeral do estado centrado na xestión de proxectos tecnolóxicos no ámbito da administración electrónica e a Lei 11/2007, vén de publicar a primeira edición do Manual práctico de supervivencia en la administración electrónica baixo unha licenza Creative Commons Recoñecemento – non comercial.

Trátase dunha guía práctica concibida para aprender a empregar os servizos electrónicos da Administración Pública na que ademais o autor recolle os fundamentos teóricos e legais precisos para comprender a administración electrónica no seu conxunto, que conta cun capítulo completo adicado ao software libre e de fontes abertas no contexto da Administración Pública.

O manual está dirixido fundamentalmente ao cidadán e aos empregados públicos, aínda que inclúe tamén recadros e capítulos específicos que abordan detalles técnicos orientados aos responsables de proxectos e servizos de administración electrónica, de forma que poidan ser saltados facilmente polos lectores non interesados en profundar nesa parte técnica.
Nunha primeira parte do manual, o autor introduce ao lector, cun enfoque práctico e paso a paso, todos os conceptos fundamentais que hai que dominar neste ámbito, tales como os certificados electrónicos e a firma electrónica, rexistros e notificacións electrónicas, etc. Estes conceptos compleméntanse cunha parte técnica que explica os seus fundamentos técnicos para coñecer que ocorre exactamente cando se utiliza un certificado electrónico ou realiza unha firma electrónica, de modo que con este coñecemento o lector debería gañar en confianza ao utilizar estas tecnoloxías á vez que en habilidade para resolver os problemas que se lle poidan presentar no seu uso.

Por outra banda, achega, a modo de introdución aos aspectos xurídicos da administración electrónica, unha sinopse dos principais textos legais que pretenden ofrecer aos profesionais da Administración Pública un modo rápido de achegarse á parte xurídica deste terreo. Inclúe referencias á últimas novidades como o Esquema Nacional de Interoperabilidade e o Esquema Nacional de Seguridade.

Estas dúas partes, que forman o núcleo do manual, compleméntanse con outra serie de capítulos que tratan materias máis específicas para lectores con intereses máis concretos como o son, por exemplo, capítulos sobre as ferramentas de administración electrónica e servizos horizontais da Rede Sara, capítulos con reflexións e exemplos das posibilidades de conceptos novos como a Web 2.0 no sector público.

O autor, expresa a súa intención de manter o documento vivo, coa idea de amplialo e melloralo periodicamente con novas ideas, suxestións que reciba e os temas de actualidade que vaian xurdindo. Agarda poder publicar unha edición por ano, que fagan do manual un documento o máis completo posible que permita ao público antes mencionado ter toda ou case toda a información que necesitan á man.

Fonte: Blog do Autor

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal