Mancomún

Mapping Party de OpenStreetMap en Vigo

Xoves, 9 Outubro 2014

O vindeiro sábado 25 de Outubro terá lugar en Vigo unha Mapping Party do proxecto OpenStreetMap. Esta actividade, organizada por GALPon coa colaboración de Xeoinquedos, está enmarcada dentro dos Sábados Libres na Altamar.

Unha mapping party, ou festa dos mapas, é un encontro de xente interesada no proxecto OpenStreetMap que se xuntan para cartografar un determinado lugar de xeito colaborativo. Os participantes percorren sectores previamente asignados facendo un levantamento de toda a información relevante que pode ser incluída no mapa: nomes de rúas, números dos portais, sentidos da circulación, establecementos, edificios públicos, etc…

Estas festas dos mapas son tamén actividades sociais, nas que a xente comparte trucos e experiencias, axuda a formarse a novos colaboradores e se comparte coñecemento arredor deste gran proxecto.
A organización da xornada será a seguinte:

  • 10:00 – 11:00 Explicación de OSM, como se levanta información, organización de equipos e reparto pola zona a «mapear».
  • 11:00 – 14:00 Levantamento de información no campo.
  • 16:00 – 19:30 Traballo con ordenadores para enviar a información a OSM (explicarase como utilizar os datos nos nosos propios proxectos, resolución de consultas, …)
  • 19:30 . 20:00 Peche do obradoiro, revisión do traballo realizado, aplausos 🙂

Na medida do posíbel, os asistentes deberán levar, ademais do seu computador, calquera dos seguintes aparellos:

  • GPS
  • Móbil con GPS
  • Cámara de fotos (dixital)

Nota: O computador poderedes deixalo custodiado baixo chave na Residencia Altamar, así non teredes que cargar con el.

Coma noutras actividades dentro dos Sábados Libres na Altamar será preciso cubrir a folla de inscricións e poderase seguir toda a información do evento a través do evento no G+.

Esta actividade, así como o ciclo de Sábados Libres na Altamar, forma parte das actividades que GALPon realiza no marco do Convenio de colaboración asinado coa AMTEGA para a difusión do software libre e incluídas no Plan de Acción de Software Libre 2014 da Xunta de Galicia.

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal