Mancomún

Mar Pereira destaca a aposta do goberno Galego polo uso do software libre en proxectos tecnolóxicos chave como Abalar ou a rede Cemit

Venres, 19 Outubro 2012
  • Máis de 44.000 alumnos galegos empregan unicamente software libre no seu día a día na escola
  • Os máis de 1.300 ordenadores das 98 aulas da Rede CeMIt teñen instalado o sistema operativo libre
  • O emprego do software libre nestas iniciativas e noutras para o impulso da Administración electrónica permitiu un aforro de 2,5 millóns de euros no período 2010-2011
  • A Administración autonómica conta, por primeira vez, cun Plan de impulso ao software libre
  • Entre outros obxectivos busca aumentar a eficiencia do investimento público en tecnoloxía, fomentando a reutilización de software libre nas contratacións TIC, formando aos empregados públicos e liberando proxectos software promovidos pola Xunta

A directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Mar Pereira, avoga polo software libre como unha alternativa cada vez máis importante no desenvolvemento de proxectos tecnolóxicos de envergadura tanto no sector público como no sector privado.

Esta é a liña que está a seguir o Goberno galego, segundo explicou a responsable da política tecnolóxica da Xunta durante a inauguración da III Libre Software World Conference 2012, que se celebra nas instalacións da Amtega na Cidade da Cultura hoxe e mañá.

Mar Pereira indicou que o actual Goberno galego apostou polo software libre en iniciativas estratéxicas da Administración autonómica como o Proxecto Abalar para integrar as TIC na educación ou na Rede de Aulas CeMIt para a formación dixital de cidadáns e empresas. Grazas a Abalar, desde o pasado mes de setembro 44.000 alumnos empregan unicamente software libre no seu día a día na escola. E os 15.000 usuarios da rede CeMIT se forman en novas tecnoloxías con equipamento dotado de software libre.
Aforro de 2,5 millóns de euros

O emprego do software libre nestas iniciativas e noutras para o impulso da Administración electrónica permitiu un aforro de 2,5 millóns de euros no período 2010-2011. Mar Pereira destacou que estas non son actuación illadas senón que forman parte dunha estratexia global para impulsar o software libre que se plasma ano a ano en cadanseu Plan de Acción en materia de Software Libre.

Trátase dun Plan coordinado e consensuado cos distintos axentes software libre galegos, como a Asociación Galega de Empresas de Software Libre, as tres Universidades galegas e mailas asociacións de usuarios de software libre de Galicia.

Plan de impulso ao software libre

A directora da Amtega sostivo que este Plan está orientado a aumentar a eficiencia do investimento público en tecnoloxía, fomentando a reutilización de software libre nas contratacións TIC, formando aos empregados públicos no uso do software libre e afondando na liberación de proxectos software promovidos pola Xunta de Galicia.

Precisamente na procura dunha maior eficiencia o Plan 2012 recolle a elaboración dun estudio para a migración do posto informático do empregado público a software libre, como paso inicial necesario no camiño para a futura elaboración dun plan de migración. A día de hoxe o 94% dos ordenadores da Administración dispoñen de software libre e esta porcentaxe duplicouse desde a posta en marcha do Plan Floss, xa que no 2009 só o 46% do PCs dispoñían de software libre.

Mar Pereira destacou tamén que outro dos obxectivos do Plan é achegarlle recursos á comunidade de localización do software libre ao galego para a realización de actividades de difusión, promoción e formación neste ámbito que axuden a aumentar esta comunidade de xeito que cada vez máis software de fontes abertas poida estar dispoñible 100% en galego.

A directora da Amtega felicitou á comunidade galega de tradución xa que co seu encomiable traballo consegue que versión tras versión importantes ferramentas libres como Firefox, Gnome, Libre Office, etc. estean dispoñibles totalmente en galego dende o primeiro día.

Foro Internacional

A III Libre Software World Conference, reúne en Santiago a algunhas das voces máis relevantes do software libre a nivel mundial e ofrece a a posibilidade de coñecer de primeira man experiencias singulares de uso do software libre nos ámbitos da cidadanía, do mundo empresarial e das administracións públicas; todo isto contando coa asistencia de máis de 400 participantes que van permitir un networking de máximo nivel.

Este encontro internacional está organizado pola Asociación de Empresas Galegas de Software Libre, AGASOL, co apoio da Federación Nacional de Empresas de Software Libre, ASOLIF, e da Xunta de Galicia, a través da Amtega.

Relatores

Entre o listado de relatores de referencia do software libre a nivel internacional que participan no encontro están Bruce Perens, creador da definición de Open Source Definition e cofundador da Open Source Initiative (OSI); Chris DiBona, director de Open Source para Google, Mountain View; Christian Felber, especialista en economía sustentable e alternativas aos mercados financeiro; Júlio Cezar Neves, director do Servizo Federal de Procesamiento de Datos (Serpro) do Gobierno de Brasil; Fernando Botelho, Fundador de F123, grupo que deseña proxectos co obxectivo de reducir a pobreza e mellorar o acceso á tecnoloxía ou John Sullivan, director executivo da Free Software Foundation. Toda da información sobre sobre o congreso está dispoñible na web www.libresoftwareworldconference.com

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal