Mancomún

María Oliveira, doutora de estatística pola USC, recibe o premio John Chambers Statistical Software

Venres, 26 Setembro 2014

Logo do software estatístico RHai uns días falabamos da necesidade de superar a fenda de xénero nas TIC e especialmente no eido do Software Libre a raíz da xornada Freeday4Girls, Software Libre e muller, facendo énfase na necesidade de visibilizar experiencias de mulleres que sirvan de modelo ás futuras profesionais.

Hoxe informamos de que a doutora en Estatística pola USC María Oliveira Pérez recibiu o premio John Chambers Statistical Software na súa edición de 2014, pola elaboración dun paquete para o software estatístico R, que distribúe con licenza libre . É primeira vez que este premio é recibido por unha universidade española, converténdose así María Oliveira na primeira muller española que recibe este galardón, dotado cun premio en metálico de 1.000 dólares.
Trátase dun galardón co que a American Statistical Association recoñece o deseño e desenvolvemento de programas estatísticos novidosos que faciliten a análise, visualización e manipulación de datos.

María Oliveira elaborou un paquete para o software estatístico R que permite a análise non paramétrica de datos circulares: NPCirc, e que publicou con licenza GPL2. Esta biblioteca inclúe os métodos deseñados pola autora durante a súa tese de doutoramento, defendida en novembro de 2013 baixo a dirección de Alberto Rodríguez Casal e Rosa María Crujeiras Casais, do Departamento de Estatística e Investigación Operativa da Facultade de Matemáticas.

Actualmente, María Oliveira é investigadora posdoutoral na Durham University (Reino Unido).

Xornadas Hispanas de usuarios do software estatístico R

Aproveitamos a ocasión para lembar, que os vinderios días 23 e 24 de Outubro celebraranse en Santiago de Compostela as VI Xornadas hispanas de usuarios do software estatístico R.

Usuarios e entusiastas de R de todos os ámbitos, universidade, institutos de investigación, administracións públicas, empresa privada, etc están convidados a participar nestas xornadas e compartir coa comunidade aplicacións e exemplos interesantes de uso, que reflictan a madurez de R, a diversidade de campos e problemas que permite resolver, etc.

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal