Imaxina que es o líder dun proxecto de software. Preocúpaste dos teus usuarios, queres que aprecien e gocen co programa que estás a escribir. Pero tamén sabes que a maioría dos usuarios non van recibir o código directamente de ti – o teu código chegaralles a través dunha ou doutra distribución, quizais RHEL, quizais Fedora, Debian, Ubuntu ou Gentoo. E ti podes manter algo de relación persoal con xente das distribucións que che axudan a aclarar as cousas, pero máis a miúdo do desexado, os usuarios obterán o programa a través dunha distribución coa que tes pouco contacto. Para empeorar as cousas, en calquera momento diferentes distribucións poden estar incluíndo diferentes versións do teu código. Iso fai que os informes de erros sexan máis difíciles de avaliar, e que os parches que che envían sexan complicados de aplicar. Tamén fai difícil saber onde empregar recursos para o mantemento da versión estábel.
Así comeza a argumentación que Mark Shuttleworth, o fundador da empresa responsábel da distribución Ubuntu, Canonical Ltd., enviou á lista de correo do proxecto Debian.
Neste correo enviado por Shuttleworth preséntase e deféndese unha idea que podería cambiar o xeito en que as distintas distribucións levan a cabo o seu traballo. En esencia, proponse unha colaboración aberta entre mantedores das distribucións, mantedores orixinais dos proxectos e distribucións entre si, co fin de coordinarse para os lanzamentos das distribucións, en cuestións como as versións de cada programa a empregar. Propón como medida principal unha “conxelación en decembro”, é dicir, que cada ano por decembro as distintas distribucións se poñan de acordo en qué versións de programas van a empregar nos lanzamentos das súas distribucións.
Shuttleworth aproveita tamén para aclarar certos comentarios e ideas que se escoitaron recentemente:
-
Primeiro: non houbo ningún esforzo secreto para influír en Debian. Ningunha das discusións que se mantiveron entre persoas de distintos proxectos foi ningún segredo, e incluso o propio Mark saíu nos medios falando do tema.
-
Segundo: Isto non trata de forzar o cambio de Debian para adaptarse ás necesidades de Ubuntu. Dende Ubuntu están dispostos a alcanzar os compromisos necesarios para traballar con Debian e con outros. Ademais, parece que o debate ata o de agora centrouse no tema “Ubuntu contra Debian”, mentres que Shuttleworth pensa que todo este asunto terá un mellor e máis grande impacto se se consegue chegar máis aló de Ubuntu e Debian. Cre que se se consegue traballar conxuntamente, pronto se han unir á iniciativa outras distribucións, e moitos mantedores orixinais de software.
-
Terceiro: Cre necesario facer unha chamada á xente sen prexuízos para que comenten. Conta que ten visto comentarios de xente que cre que “Ubuntu é un ladrón malvado do traballo de Debian”, e non se ve capaz de cambiar a opinión desa xente. E, por iso, desexa que esta discusión non se converta nun imán para comentarios estériles.
En resumo, e segundo as propias palabras de M. Shuttleworth:
Para conseguirmos algo xuntos, teremos que traballar xuntos, teremos que chegar a compromisos ou teremos que contribuír con esforzos ao outro lado. Se a comunidade de Debian está disposta a considerar a idea de “conxelación en decembro”, entón Ubuntu (e Canonical) proporcionará recursos para axudar a Debian a acadar o obxectivo. Iso significará avanzar menos en Ubuntu, pero os beneficios de ter unha planificación que puidese atraer a moitas outras distribucións compensarao. Penso que moitas outras distribucións, que tenden a pensar en anos financeiros e facer os seus plans segundo iso, uniranse á idea dunha conxelación en decembro, e Debian pode obter beneficios significantes sendo parte diso, en vez de empregar unha planificación diferente.
Este é un ofrecemento de boa fe de axuda e asistencia para acadar un obxectivo difícil pero noble e realista. Non será fácil a primeira vez ou a seguinte, pero vai servir de punto de partida para un proceso que traerá dividendos a Debian e ao conxunto do amplo ecosistema. Preguntádelles aos mantedores orixinais que pensan, e se queren colaborar, e oiredes unha resposta moi positiva.
Fonte: Mensaxe orixinal á lista
