Cando pensamos no concepto de Media Center baseado en GNU/Linux e software libre, poida que nos veñan á cabeza os coñecidos GeexBox, xbmc ou Moovida. Dentro das alternativas libres atopamos tamén MythTV, e Mythbuntu.
MythTV é un gravador de vídeo dixital libre (baixo os termos da GPL de GNU), que leva en desenvolvemento dende o ano 2002. Pero non se queda só niso. Entre as capacidades deste completo software podemos atopar:
- Ver e gravar televisión analóxica e dixital, incluíndo televisión de alta definición.
- Parar, adiantar, e rebobinar programas en vivo.
- Detectar e adiantar os anuncios de xeito completamente automático, con posibilidade de corrección manual.
- Programar as gravacións de xeito intelixente para evitar conflitos.
- Controis paternos.
- Ver e arquivar DVD.
- Escoitar coleccións de música dixitais.
- Arquitectura cliente-servidor, o que permite a múltiples máquinas cliente acceder a contido dun ou máis servidores.
- E moitas máis. As funcionalidades de MythTV poden ampliarse empregando plugins, o que eleva as súas capacidades ata o impensábel.
Mythbuntu, pola súa banda, é un complemento para a distribución Ubuntu, mantido pola comunidade, enfocado en configurar un sistema de gravación de vídeo persoal independente baseado en MythTV. Pódese usar Mythbuntu para preparar un sistema independente, ou para integrar un sistema nunha rede existente de servidores ou clientes de MythTV.
Mythbuntu emprega o escritorio XFCE4, e non leva instalados ningún dos aplicativos que adoitan formar parte dunha instalación de Ubuntu, tales como GNOME, OpenOffice, Evolution, etc, e que non resultan necesarios para un media center. Aínda así, se o usuario o desexa, bastaría con instalar algún dos paquetes ubuntu-desktop, kubuntu-desktop, ou xubuntu-desktop para engadir as funcionalidades dun contorno de escritorio completo á instalación.
Calquera usuario, cuns mínimos coñecementos, poderá empregar MythTV e Mythbuntu para instalar e configurar de xeito moi sinxelo un completo e útil media center baseado en software libre.
