Mancomún

Meiga: Aplicativo lixeiro de escritorio para compartir ficheiros na Internet

Venres, 5 Xuño 2009

MeigaEnrique Ocaña, traballador da empresa Igalia, anuncia no seu blog a publicación da versión 0.1 de Meiga.

Trátase dun aplicativo de escritorio, lixeiro e doado de usar que permite compartir ficheiros ou directorios locais a través da Internet dunha forma rápida. Incorpora tamén características avanzadas de publicación como un servidor de fontes para xerar visualizacións RSS dun directorio concreto.

Segundo conta o seu desenvolvedor, a idea deste aplicativo xurdiu logo da seguinte reflexión: A tendencia hoxe en día na Internet é a de publicar contidos nun servidor centralizado para logo poder compartilos coa xente. Mais por que preocuparnos por publicar os nosos contidos se podemos compartilos directamente dende o noso computador?

Dende a páxina do proxecto pódese descargar o código fonte, e paquetes .deb para Ubuntu Hardy, Intrepid e Jaunty.

MeigaUnha vez instalado, compartir un directorio local é tan doado como engadilo na xanela do aplicativo e logo enviarlle á persoa coa que o queiramos compartir o URL correspondente que será do tipo http://ip:porto/Nome do directorio. Se queremos enviarlle o rss será unha ligazón semellante http://ip:porto/rss/Nome do directorio.

Segundo comenta Enrique, esta versión publicada non é máis que o comezo, pois o obxectivo final do proxecto é servir como punto común de publicación para outros aplicativos do escritorio, como o xestor de ficheiros, o visor de imaxes ou reprodutores de música.

Fonte: Blog de Enrique Ocaña en Igalia

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal