Meld é unha ferramenta que amosa as diferenzas entre ficheiros dun xeito visual permitindo a posterior edición ou fusión dos mesmos. Meld tamén conta coa posibilidade de comparar dous ou tres cartafoles de ficheiros.
Permite comparar dun xeito visual empregando cores, dous ficheiros de texto sobre GNU/Linux. Aínda que a localización das diferenzas é, en principio, menos intuitiva que outros programas como Winmerge, a vista en árbore e a presenza de dúas barras de diferenzas resultan moi eficaces na procura. O programa inclúe filtros e distintas axudas para facer a edición máis sinxela, como frechas á beira dos cambios para aplicar algún cambio no outro ficheiro cun simple clic.
Cunha interface sinxela, basta con premer no menú ficheiro orixe e o ficheiro destino que queres comparar. As diferenzas entre ficheiros actualízanse de forma automática.
Nos pantallazos da aplicación pódense ver as características dun xeito máis gráfico.

Meld ten capacidade para traballar con diferenzas entre versións en repositorios CVS, SVN, Bazaar-ng, Mercurial ou outros repositorios de control de versións, e supón unha ferramenta realmente útil no desenvolvemento colaborativo de aplicacións, unha alternativa sólida a Winmerge para GNU/Linux.
Meld está dispoñible para descarga dende a páxina do proxecto ou dende os principais repositorios das distribucións GNU/Linux.
Fonte: Aplicaciones Empresariales

