A Asociación de Usuarios de Software Libre de Melide, Melisa, ampliará o programa do Obradoiro de Joomla que organizou nos dous primeiros sábados do mes de agosto cunha nova xornada que, fóra do previsto, terá lugar o vindeiro 22 de agosto. Esta medida foi acordada pola directiva da asociación ante o interese suscitado entre todos os asistentes ao curso.
Nesta sesión, que se aprazará ata esta data co fin de deixar pasar as festas patronais de San Roque, repasaranse algúns dos temas xa vistos e resolveranse as dúbidas dos alumnos que xa estean traballando con Joomla.
Ao longo deste obradoiro, impartido por Melisa na localidade de Melide, os asistentes aprenderon a modificar o deseño das súas webs co uso de modelos, fixeron prácticas para a creación dunha páxina web adicada ao comercio electrónico (co compoñente Virtuemart)…
Os membros de Melisa amósanse satisfeitos coa labor realizada e confían en poder seguir ofertando actividades coma estas que consigan o interese dos afeccionados da informática, en xeral, e concretamente do software libre. Por isto convidan a calquera persoa a visitar con frecuencia o web de Melisa e coñecer, así, calquera nova iniciativa.
Fonte: Melisa
