Mancomún

MeliSA, o GGUL de recente creación, organiza a "I Semana do Software Libre" en Melide

Venres, 17 Abril 2009

A Asociación de Software Libre de Melide (MeliSA) presentará a vindeira semana o seu portal web co propósito de incrementar o número de socios da agrupación -de recente creación- e achegar a toda a sociedade un espazo no que ir dando conta dos seus obxectivos e actividades, así como doutras cuestións relacionadas co eido do software libre. A publicación da web farase a todo rumbo cunha presentación que terá lugar o sábado 25, pero que  acompañarán, durante de toda a semana, con actividades sobre das tecnoloxías de código aberto no que deron en chamar a “I Semana do Software Libre”.

A I Semana de Software Libre comezará o luns 20 ás 10:45 h no IES de Melide cunha charla introdutoria sobre software libre, impartida polo presidente da asociación, Rafael Rodríguez.
As charlas técnicas continuarán o mércores 22 ás 20:30 h na sede da Asociación de Empresarios Terra de Melide (ASETEM), onde se ofrecerán dúas charlas. A primeira versará sobre software libre na oficina, da man de Rafael Rodríguez, e a segunda sobre facturación e contabilidade, relatada por José Limeres da empresa Bora Telecom. Neste encontro distribuirase entre todos os asistentes un exemplar do DVD Ferramentas Informáticas para a PEME, desenvolvido por Mancomún.

Cun aspecto máis lúdico-festivo, o programa de actividades inscribirase o sábado 25 e o domingo 26, na celebración da V Foliada de Melide, onde os membros de MeliSA terán habilitada unha caseta informativa.

Neste espazo, presentarase o sábado ás 17 horas a nova web: http://www.webmelisa.es e o domingo ás 12:00 horas, o Galinux, o sistema operativo libre e en galego promovido pola Dirección Xeral de Promoción Industrial e da Sociedade da Información. Para o que se repartirán máis de 200 unidades do Galinux, achegadas polo Centro de Referencia e Servizos de Software Libre de Galicia. Ademais, existirá unha zona de xogos infantís, obradoiros de GNU/Linux…

Dentro deste plan de promoción da Asociación, realizaranse visitas aos concellos lindeiros presentando as vantaxes do software libre.

Programa completo

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal