A asociación MeLISA asinará esta semana un convenio de colaboración coa Asociación de Empresarios da Terra de Melide, ASETEM, cuxa finalidade será a de permitir recuperar ordenadores obsoletos grazas á instalación de software libre e poñelos novamente ao servizo de empresas e usuaios que os precisen para a súa actividade diaria. Esta iniciativa busca facilitar o acceso ás novas tecnoloxías, e ao mesmo tempo, difundir o software libre en diferentes ámbitos da comarca.
O proxecto consiste en recoller equipos informáticos vellos, ou que xa quedaran desfasados, para posteriormente proceder á súa revisión e actualización con programas libres, e finalmente poder poñelos a disposición de empresas, traballadores autónomos, ou colectivos sociais que os precisen.
Esta iniciativa está aberta á colaboración de calquera empresa, negocio, asociación, cooperativa, ou particulares que poderá doar de xeito voluntario os equipos que xa non utilicen. O punto de recollida do material está situado na sede de ASETEM, na rúa Lino Sexto Sánchez, en Melide.
Á marxe dos ordenadores tamén se poderán entregar dispositivos soltos como monitores, teclados, lectores de cd, fax, ou ratos que estean en desuso na oficina ou na casa e que sexan aptos para a reciclaxe.
Unha vez entregado o material, MeLiSA farase cargo da revisión e reparación do equipo, así como da instalación e configuración dos programas que sexan necesarios. Farase a instalación dun sistema operativo libre (GNU/Linux), e daquelas ferramentas máis axeitadas para o traballo ao que se vaia destinar o equipo no lugar de acollida.
Os equipos reparados quedarán á espera de que alguén os solicite, algo que poderá facerse poñéndose en contacto con Asetem ou con Melisa. O colectivo prioritario como receptor destes equipos serán os socios de ASETEM, , xa que un dos obxectivos do convenio é evitar que a falta de soportes informáticos obstaculice o desenvolvemento empresarial da comarca, mais en caso de existir suficiente stock queda aberta a posibilidade de ampliar cara outros sectores. Poderán facer a súa solicitude dende autónomos que se queren dar de alta e precisan un ordenador para comezar a actividade ata pequenas empresas que desexan montar unha oficina, pasando por asociacións que precisen un equipo para as súas xestións. A solicitude estará tamén aberta para empresas que queiran experimentar co software libre e incluso para familias que necesiten un ordenador e teñan serias dificultades para mercalo. Do mesmo xeito, Melisa prevé ceder algún portátil aos colexios de primaria de Melide para que o profesorado se familiarice co sistema operativo libre. Os equipos non serán regalados, senón cedidos temporalmente. O tempo da cesión non é fixo e dependerá das necesidades do usuario.
Malia que o convenio será asinado formalmente nos próximos días, xa están dispoñibles para quen estea interesado dous ordenadores portátiles e outros dous de sobremesa.
