Mancomún

Metacity, Mutter e o futuro de Gnome

Martes, 7 Xullo 2009

Podemos ler no blog do proxecto Metacity en Gnome unha entrada escrita por Thomas Thurman, un dos mantedores deste proxecto, na que se pode albiscar o futuro de Metacity.

Metacity é o xestor de xanelas predeterminado do contorno de escritorio Gnome. Ou foino ata o de agora. Segundo nos conta Thurman, semella que está xa decidido que Mutter, unha evolución de Metacity á que se lle engadiu compatibilidade con Clutter, será un dos xestores de xanelas alternativos en Gnome 2.28, e o único en Gnome 3. Esta situación leva ao autor a preguntarse sobre o futuro de Metacity.

Thurman pensa que o mellor para a comunidade será traballar sobre Mutter, e así o fará. Metacity xa non continuará a ser desenvolvido máis alá de correccións de erros.
A actual lista de erros abertos de Metacity inclúe máis de cincocentos erros. O autor propón, en vez de cerralos, traballar con eles e decidir para cada un o seu estado:

  • Xa arranxado: Levarían este estado aqueles erros ou peticións de melloras que xa estean arranxados en Mutter ou en gnome-shell.
  • Reasignar: Os erros de Metacity que se poidan reproducir en Mutter levarían este estado. E reasignaríanse a Mutter.
  • Mellora: Se son peticións de mellora que se poden afrontar en Mutter ou en gnome-shell. Deberán discutirse nas listas de correo de Mutter.
  • Metacity: Erros que se terán que arranxar tanto en Metacity como en Mutter.
  • Wontfix ("non-o-imos-arranxar"): É unha petición de mellora que non se asumirá.

Esta entrada permite entrever o que será o futuro do proxecto Gnome dende dentro, permitindo facerse unha idea de cales serán os compoñentes centrais do futuro contorno de escritorio Gnome 3, que polo momento parece que xirará en volta de Mutter como xestor de xanelas, e gnome-shell actuando como xestor da interacción do usuario co escritorio, substituíndo as función que ata o momento realizaban os paneis de Gnome.

Podemos ver nesta ligazón uns vídeos demostrando como sería o funcionamento deste compoñente, que xa pode compilarse e probarse seguindo as instrucións que se poden atopar na páxina do proxecto.

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal