Mancomún

Microsoft adopta WordPress para substituír Windows Live Spaces

Mércores, 29 Setembro 2010

Migración de Windows Live Spaces a WordPress.com Microsoft acaba de anunciar da man de Dharmesh Mehta – Director de produto de Windows Live que abandona o seu servizo Windows Live Spaces, lanzado no ano 2006, e que migrará completamente a plataforma a WordPress.com, a plataforma máis popular de blogging do mundo desenvolvida integramente como software libre.

Segundo conta Dharmesh Mehta, os actuais usuarios do servizo de Microsoft migraranse progresivamente ao novo servizo. Con tal fin, e durante un período duns seis meses, os usuarios que desexen manter o seu blog poderán utilizar unha serie de ferramentas sinxelas, desenvolvidas por Automattic, a empresa detrás de WordPress.com, en colaboración con Microsoft, para exportar todos os seus contidos (artigos, comentarios, fotos…) desde Windows Live Spaces a WordPress.com. Por outro lado a partir de agora aos novos usuarios de Windows Live seguiráselles ofrecendo a posibilidade de crear o seu propio blog pero directamente aloxado en WordPress.com
Trátase dun movemento interesante de Microsoft, pois abandona un proxecto de desenvolvemento propio e acóllese a un servizo en software libre. Por outro lado, para WordPress supón un novo pulo e o recoñecemento do prestixio desta ferramenta que conta con millońs de usuarios en todo o mundo aos que se virán unir os preto de 30 millóns de usuarios de Windows Live Spaces. Ademais, a supervivencia como proxecto libre e aberto de WordPress está garantida xa que Automattic transferiu hai pouco a marca WordPress á WordPress Foundation. De feito, en WordPress en español fanse eco desta boa nova, e presentan material formativo e de apoio para todos os novos usuarios provintes de Windows Live Spaces.

Fonte: Bitelia

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal