Mancomún

Microsoft publicará baixo a GPLv2 a ferramenta WUDT

Luns, 16 Novembro 2009

logo de Microsoft tapando ao ñú de GNUAo longo da pasada semana, a noticia comezou a estenderse en internet: Microsoft podería estar a utilizar código libre sen respectar as licenzas de uso.

O software no que se estarían a producir estas irregularidades é unha ferramenta coa que se poderían descargar imaxes ISO de Windows 7 e gravalas nun USB ou DVD, chamada Windows 7 USB/DVD download tool (WUDT). Segundo os rumores orixinais, esta ferramenta estaría a empregar o código fonte de ImageMaster, un proxecto licenciado baixo a GPLv2 e, paradoxicamente, aloxado na plataforma CodePlex, o proxecto de comunidade de código aberto de Microsoft.
Nun primeiro momento, a reacción por parte de Microsoft foi a retirada desta utilidade, mentres se procedía a unha investigación para poder aclarar que sucedera, e á realización de revisións noutros proxectos ofrecidos pola compañía. As últimas novas apuntan a que, en efecto, estábase a empregar código GPL sen respectar todas as cláusulas desta licenza.

Ao parecer, dende Microsoft confírmase o uso de código GPL, mais afírmase que foi un uso non intencionado. Unha terceira empresa, á que se lle contratou a creación desta ferramenta, tería usado este código licenciado baixo a GPL, que non foi descuberto durante o proceso de revisión de código.

A resposta final de Microsoft será publicar tanto o código da ferramenta como os binarios baixo os termos da GPLv2. Do mesmo xeito, tomaranse medidas para aplicar o aprendido desta experiencia a futuros procesos de revisión de código.

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal