A compañía de Bill Gates libera unha solución de código aberto para xerar e recibir facturas electrónicas
Aínda que o anuncio ten todos os matices esperábeis dun lanzamento coma este da man da empresa privativa por excelencia, o certo é que o xigante do software Microsoft non tivo máis remedio que renderse ás evidencias das vantaxes do software libre para ofrecer unha solución eficaz para a xestión e a recepción de facturas electrónicas; iso si, empregando Microsoft Office 2007 – velaí o matiz.
Contando co apoio do Ministerio de Industria, Microsoft presentou onte un compoñente de código aberto para o tratamento de facturas electrónicas utilizando o procesador de textos da suite ofimática privativa Microsoft Office 2007, denominado Factoffice. A iniciativa persegue fomentar o uso da factura electrónica entre as empresas, profesionais autónomos e a propia Administración pública, algo para o que Microsoft optou por buscar a máxima rendibilidade facendo uso dos estándares abertos e máis fornecendo o código fonte. Feito que permite a todos os desenvolvedores ampliar, modificar ou personalizar as súas características, así como a adaptar a dita solución ás súas propias plataformas de factura electrónica (conexión a servizo web, etc.).
A compañía, no entanto, reservouse o dereito de dar explicacións sobre as vantaxes de ter escollido o software libre para o proxecto e, segundo fontes da propia empresa, todo se limitou ás necesidades do momento. En palabras de Hector Montenegro, director de tecnoloxía de Microsoft Ibérica, “o licenciamento posterior en OpenSource, é un “exemplo vivo” de convivencia entre ambos modelos. Podo desenvolver proxectos en software libre sobre tecnoloxía Microsoft, e podo non facelo. Isto non é máis que tecnoloxía, e a decisión sobre o seu modelo de licenciamento, é un debate diferente.”
Factoffice, un xestor de facturas electrónicas
A solución, que xa aparece referenciada no portal de Facturae do Ministerio de Industria e no portal da Axencia Tributaria, está xa dispoñíbel para a súa descarga gratuíta en http://factoffice.codeplex.com. Esta extensión está especialmente deseñada para as organizacións, profesionais, e Administracións públicas que queren comezar a operar coa e-factura dende Microsoft Office. O seu modo de emprego é moi sinxelo –apoiado por un completo Manual de usuario- e resulta altamente familiar para calquera usuario sen coñecementos técnicos específicos.
O compoñente, instalado sobre MS Office 2007, habilita a este programa para a xeración, recepción e intercambio de facturas electrónicas no formato XML “Facturae”, promovido polo Goberno español. O aplicativo, utilizando uns modelos predefinidos e configurábeis, é capaz de xerar a factura, asinala (en formato XADES) con calquera dos provedores de sinatura recoñecidos, validar a súa conformidade de esquema Facturae, de sinatura electrónica, e de libro contábel, así como gardar unha pequena xestión histórica do estado de cada factura.
A solución está licenciada coa licenza Ms-PL, recoñecida como libre tanto pola FSF como pola OSI, que permiten o acceso ao seu código, modificación, execución e redistribución. Polo que, ademais, os seus promotores convidan a calquera desenvolvedor a unirse á comunidade de Codeplex a través da súa web.
No entanto, a comunidade de software libre en España –concretamente Ismael Olea, ata onde chega o coñecemento de Mancomún– xa traballa na implementación do formato Facturae “para toda a cidadanía”, en Linux, posto que ata agora as solucións de aplicación deste formato só existen para o sistema operativo Microsoft Windows.
