Mancomún

Migración da aula de docencia da Facultade de Dereito da USC a Linux

Venres, 27 Novembro 2009

Dende a Oficina de Software Libre da USC avísannos de que veñen de rematar, nestes últimos días, a migración de todos os equipos da aula de docencia da Facultade de Dereito ao sistema operativo libre Ubuntu-USC. 

Aula de dereito

Ubuntu-USC é unha distribución GNU/Linux, baseada na popular Ubuntu, con adaptacións feitas pola OSL da USC, baseándose inicialmente no traballo realizado no metapaquete araOS, para dotar ao sistema operativo da estética corporativa da universidade e as configuracións de hardware necesarias para operar no entorno universitario. 

Esta migración forma parte do traballo iniciado polo persoal desta oficina, co primeiro plan piloto de migración da Facultade de Ciencias da Educación, e outras migracións como a recente da ETSE.

A aula migrada nesta ocasión, con mais de 50 equipas, sobe a cifra de computadores que actualmente na USC executan o sistema operativo libre ata os 500. A estimación de alumnos que recibirán formación nun contorno informático totalmente libre e en galego é de 2000 alumnos.

A importancia desta nova migración é que non se trata soamente do centro da formación informática dos alumnos de dereito, senón unha das aulas empregadas habitualmente pola Universidade de Santiago de Compostela para a realización de cursos e seminarios externos.

Este é o caso do vindeiro Curso de Bioinformática Estrutural, onde a Oficina de Software Libre colaborará proporcionando a infraestrutura de software precisa e impartindo unha ponencia sobre ferramentas libres para proceso de datos.
Fonte: OSL da USC

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal