Cales son as principais características do FreePC?
O FreePC presenta unhas reducidas dimensións e peso que non lle impiden contar coa mellor tecnoloxía: pantalla LCD-TFT de 10,2”, procesador Intel® Atom N270 de 1.6 GHz, memoria SDRAM DDR2 de 1GB, disco duro SATA de 160 GB, ademais de conexión Wireless e Bluetooth, sen esquecer o sistema operativo de Linux preinstalado.
Que melloras achega Blusens con este produto fronte a outros xa existentes?
A súa maior vantaxe é a concepción xeral, xa que non tentamos crear un produto ultraportátil sen máis, senón que nos preocupamos en asegurar a funcionalidade do produto facendo que o seu rendemento sexa comparábel a un portátil de gama alta de fai 2 ou 3 anos.
Que impacto está a ter no mercado?
É pronto para valorar este impacto, xa que con este produto Blusens entra de cheo nun campo que non tocaramos con anterioridade, o dos computadores. Non obstante, estamos ilusionados coa acollida do FreePC no mercado e xa temos prevista unha segunda serie que incorporará módem 3G.
Por que optou a compañía por embarcarse no sector do hardware?
O usuario de Blusens é cada vez máis tecnolóxico, e non se limita ao que coñecemos como gama marrón. O uso de Internet e o manexo e catalogación dos seus contidos en liña están á orde do día, polo que, dado que os nosos usuarios consomen contidos dixitais crimos importante pechar o círculo e darlles a oportunidade aos nosos usuarios de ter unha liña completa de dispositivos Blusens para todas as necesidades de lecer dixital, desde a creación e catalogación de contidos ata a súa reprodución ben en dispositivos portátiles ou do fogar.
E ademais fixérono cun portátil ultralixeiro. Cal cre que é o motivo polo que os netbooks están a revolucionar o mercado?
Os dispositivos como o FreePC dan resposta ás necesidades de computación da gran maioría dos usuarios, e máis cando ao seu pequeno tamaño unímoslles a posibilidade de conectarse sen problemas a pantallas grandes de 1660 píxels de anchura, o que os converte en alternativa ao equipo de sobremesa. Pero a principal vantaxe desta categoría de produto é o seu dinamismo e a súa enorme conectividade para realizar operacións na Internet: navegación, mailing, etc…
Os últimos datos mostran unha caída na venda de portátiles, mentres que a venda de netbooks se mantén. Cre que continuará esta tendencia entre os consumidores?
Diferentes estudos de mercado coinciden en que os netbooks representarán a maior fonte de ingresos para moitas compañías. Esta tendencia de mercado continuará, máis se cabe co apoio das operadoras na subvención destes equipos. De momento os netbooks son percibidos polos usuarios como un segundo ou terceiro equipo, aínda que como apuntamos, as súas prestacións son suficientes para unha gran maioría. Pero para aplicativos máis esixentes (xogos de gran rendemento gráfico, edición de vídeo, etc) os usuarios necesitarán portátiles con maiores prestacións ou mesmo equipos de sobremesa.
A mellor tecnoloxía con software libre
Toda incursión no mundo do hardware require de toma de decisións no campo do software. Cales foron os motivos para a elección de Linux como sistema operativo preinstalado?
Blusens decidiu no seu momento deixar á elección do usuario o sistema operativo do seu FreePC e por iso comercialízase con Linux. Neste sentido quixemos ser transparentes, e obviamente estimamos que a elección de Linux -no noso caso, unha versión Ubuntu- cumpre coas expectativas e necesidades dos usuarios. Cremos que é o usuario quen debe elixir, ou polo menos ter a oportunidade de facelo.
Unha das vantaxes que aínda non comentamos dos netbooks é o seu baixo custo de cara ao cliente, en que medida considera que inflúe no prezo final a adopción dun sistema operativo libre e gratuíto?
Todos sabemos que o custo das licenzas de software repercútelle ao consumidor no prezo final do produto e, en produtos cun prezo contido, este custo das licenzas pode ser tremendamente gravoso para o usuario. Así que como dixemos, de cada un depende a elección dun ou doutro sistema operativo.
Cre que as empresas tenderán máis á adopción de solucións de software libre neste período de recesión económica no que nos atopamos?
Desde o noso punto de vista, cremos que non. A crise pola que atravesamos nestes momentos non determina a elección do SO no usuario, senón o hábito de uso ao que estea afeito. É tamén certo que conxunturas como a actual poden facer que o usuario busque alternativas para o caso de que estas lle solucionen as súas necesidades.
Pero, por que pensa que non son máis as empresas que optan por esta alternativa de partida?
Á fin e ao cabo, a demanda dos consumidores é o que determina a integración dun ou doutro sistema operativo. Linux está a cobrar cada vez maior forza e moitas empresas están a apostar por el. No entanto, o perfil de consumidor medio segue demandando o produto co que están xa familiarizados.
Daquela, opina que pode asustar o usuario final atoparse cun contorno de escritorio diferente?
Mais que de medo, poderiamos falar de comodidade. Cando un usuario compra un produto, quere usalo inmediatamente sen que haxa complicacións por falta de formación ou coñecemento. Por iso a utilización dun contorno de usuario, dunha interface, familiar ou moi usábel é fundamental para que o usuario admita sistemas operativos alternativos aos comúns.
Cal é a súa opinión en relación coas declaracións realizadas polo responsábel de vendas de MSI en Estados Unidos nas que afirma que a xente non quere netbooks con Linux, cuxa taxa de devolución é catro veces maior comparado cos ultraportátiles que levan Windows preinstalado?
Linux é un sistema operativo que conta cos seus seguidores fieis e que cada vez máis esta atopándose con novos subscritores. Nós somos da idea de ofrecerlle ao usuario un maior abano de opcións e que sexa este quen elixa, contribuíndo desta forma a estabelecer un mercado libre e competitivo.
Asumimos entón que o descoñecemento por parte do usuario pode supoñer un problema. Cal cre que pode ser a solución?
O usuario séntese cómodo en contornos coñecidos, e os cambios poden ser contraproducentes en segundo que estratos. A gran tarefa de Linux é chegar a convencer o usuario final, facerse o suficientemente amigábel e admisíbel pola gran maioría de usuarios para obter unha masa crítica suficiente.
Neste senso, ata que punto cre que se debe implicar a Administración pública na promoción das tecnoloxías e os estándares abertos?
A Administración non debería primar unhas tecnoloxías nin unhas empresas sobre outras, senón achegar posibilidades para crear tecnoloxía no noso país e, por suposto, achegarllas ao usuario, para axudar ao desenvolvemento tecnolóxico e depender menos do exterior. Neste sentido, as tecnoloxías colaborativas e facilmente accesibles para os usuarios en principio cumpren mellor estes obxectivos.
Coñece Mancomún, o Centro de Referencia e Servizos de Software Libre de Galicia?
Por suposto. Mancomún é ben coñecido en Blusens, sobre todo na zona de I+D, quen me consta que seguen de preto o Centro. Neste sentido, toda iniciativa que persiga o desenvolvemento tecnolóxico merece o maior dos recoñecementos.
Cales son os proxectos futuros de Blusens no sector do hardware? Seguirán optando polas tecnoloxías abertas?
É unha constante de Blusens ofrecerlles aos usuarios o maior número de opcións que acolle o mercado. Desde logo, no mundo actual, apostar por tecnoloxías pechadas e propietarias non está ao alcance de todos, e moito menos no noso sector, polo que en Blusens apostamos por desenvolvementos sobre tecnoloxías abertas e software libre, como demostramos co FreePC e por suposto co inminente Blubrain, a nosa grande aposta para o Fogar Conectado neste ano. é precisamente o Fogar Conectado onde mostraremos os nosos novos desenvolvementos de hardware e software.
A súa empresa apostou polo galego en produtos como os sintonizadores TDT ou nos reprodutores MP3 e MP4. Cre que sería posíbel ofertar ultraportátiles con software directamente localizado ao galego? Desde Mancomún podemos ofrecerlle o Galinux…
Blusens está orgullosa das súas orixes e de ser unha empresa galega, e a demostración é que, aínda nun mercado globalizado, atopamos as oportunidades de achegarlles os nosos produtos aos usuarios. Nesta orde de cousas a incorporación do galego, así como do resto de idiomas do Estado, é unha preocupación constante para garantir a satisfacción do usuario. No caso dos ultraportátiles, reiteramos a nosa apertura total ao que o usuario decida, polo que a incorporación de edicións específicas como o Galinux é unha posibilidade real, aínda que deben darse algunhas condicións de comercialización que o permitan.
