
O equipo de MinGW (Minimalist GNU for Windows), publicou recentemente os binarios de GCC 4.4.0 para Windows. Nesta nova versión destacan varias melloras como un mellor tratamento de excepcións, unha versión de libstdc++ en forma de biblioteca compartida, compatibilidade con TLS (thread-local storage), ademais de todas as novidades da versión 4.4.0, xa que a anterior versión incluída en MinGW era GCC 3.4.5.
O manexo das excepcións mellorou notabelmente grazas a que se usou unha implementación baseada en DWARF, substituíndo ao vello modelo SJLJ, que dende agora xa non estará dispoñíbel. Ademais con esta versión as excepcións xa poden atravesar as fronteiras das DLL sen problemas.
MinGW é unha implementación dos compiladores GCC para a plataforma Win32, que permite migrar a capacidade deste compilador en contornos Windows.
Esta implementación inclúe un conxunto da API de Win32, o que permite un desenvolvemento de aplicativos nativos para esa plataforma que poden xerar executábeis e bibliotecas empregando a API de Windows.
Fontes: Barrapunto
