MINIX 3 é un sistema operativo creado en 1987 por Andrew S. Tanenbaum, que no seu día era unha réplica gratuíta de UNIX con propósitos educativos, e que posteriormente foi a base do sistema GNU/Linux. Tanenbaum é moi coñecido polos seus libros de ciencias da computación, entre os que destaca “Redes de computadores (Computer Networks)", e “Sistemas operativos modernos (Modern Operating Systems)".
Recentemente, a universidade holandesa na que traballa Tanenbaum conseguiu unha bolsa do departamento de investigación europeo para continuar traballando sobre Minix.
A bolsa, cun valor de 2,5 millóns de euros, financiará o traballo dos 3 investigadores e dos 2 programadores, afirmou Tanenbaum.
A versión 3 de MINIX pretende dar un cambio no rumbo desta distribución, xa que as dúas primeiras versións estaban enfocadas a ser ferramentas para a ensinanza, mentres que con MINIX 3 pretenden engadirlle funcionalidades que a fagan máis usábel como sistema operativo para dispositivos embebidos e con recursos limitados…
O novo sistema operativo é extremadamente pequeno, coa parte que se executa en “modo kernel” con menos de 4.000 liñas de código. A parte de usuario está dividida en pequenos módulos, totalmente illados uns dos outros. Por exemplo, cada controlador dun dispositivo execútase como un proceso en “modo usuario” distinto, polo que un fallo nun controlador non pode “colgar” o sistema operativo. De feito, cando un controlador falla, este é automaticamente substituído sen ter que intervir o usuario, sen reiniciar e sen afectar aos procesos en execución.
Estas características, xunto co pequeno núcleo e outros aspectos favorecen que MINIX sexa un sistema moi seguro e estábel.
Orixinalmente MINIX 3 está enfocado ás seguintes áreas:
-Aplicativos que necesiten unha grande estabilidade
-Computadores con poucas prestacións (RAM, procesador), os portátiles de 100$, etc…
-Sistemas embebidos (cámaras, gravadores de DVD, teléfonos móbiles)
-Aplicativos onde a GPL sexa demasiado restritiva (MINIX 3 usa unha licenza BSD)
-Educación
Máis información en:
http://www.minix3.org/
