- O repositorio conta con 85 documentos e 100 vídeos formativos sobre tecnoloxías FLOSS en formatos abertos e con licenzas libres.
- Recóllense os traballos documentais xerados ao abeiro dos convenios promovidos pola Secretaría Xeral de Modernización cos diferentes axentes dos software libre.
- Está accesible a través do portal mancomún e irá incrementando o seu contido ao longo deste ano e está aberto á contribución de toda a cidadanía galega.
A Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica pon a disposición da cidadanía galega o Repositorio documental sobre Software Libre co obxectivo de facilitar o acceso a material formativo e de difusión neste ámbito baixo formatos abertos e licenzas libres. Está concibido como un servizo vivo que irá incorporando os documentos relacionados con FLOSS xerados pola comunidade de axentes do software libre de Galicia.
O material que se distribúe a través do repositorio documental axudará a comprender os beneficios do uso do Software Libre e de Fontes Abertas, e ao estar publicado en formatos abertos e con licenzas libres, permitirá maximizar a súa reutilización e aproveitamento. O repositorio documental é algo vivo que irá incorporando os documentos relacionados con FLOSS xerados pola comunidade de axentes FLOSS de Galicia.
O Repositorio documental habilitouse no wiki do portal mancomún pola súa facilidade de uso, a posibilidade de edición colaborativa do mesmo así como a flexibilidade de categorización da información.
85 documentos e 100 vídeos
Actualmente conta xa cunha nutrida cantidade de documentación correspondente a todo o material elaborado ao longo do ano 2010 polos distintos axentes FLOSS galegos ao abeiro dos diferentes convenios de colaboración asinados coa Xunta de Galicia.
Así, grazas ao excelente traballo de AGASOL, das oficinas de software libre das 3 universidades galegas, as asociacións GALPon, GHANDALF , GPUL , Inestable , OUSLI e Trasno e a propia Xunta de Galicia, o actual repositorio contén máis de 85 documentos, empregados en xornadas de difusión ou cursos de formación, e uns 100 vídeos formativos, todos eles en formatos abertos e con licenzas libres.
Entre os traballados realizados están o Catálogo de produtos e servizos TIC das empresas FLOSS galegas, Comparativa de plataformas de comercio electrónico baseadas en software libre, Pílulas docentes de software libre e de código de fontes abertas, Vídeomanuais FLOSS, Vídeos do I festival de curtas creative commons, Curso de Administración avanzada de sistemas con ferramentas libres, Curso de Informática Libre para unha sociedade libre, Curso de introdución ao GNU/Linux para Técnicos Especialistas en Informática, Curso de tradución ao galego de aplicativos informáticos libres, Libro “Creando Software Libre” de Karl Fogen, Manual «Comezar con Ubuntu 10.04» en lingua galega, entre outros moitos.
Este material verase incrementado durante este ano, segundo se vaian realizando as distintas actividades en colaboración cos axentes FLOSS galegos.
Así mesmo, dada a capacidade de edición colaborativa do wiki, este repositorio está aberto á contribución de calquera persoa, sen máis que rexistrarse como usuario do portal mancomún. O único requisito que debe cumprir a documentación para ser publicada é que se distribúa cunha licenza libre e en formato aberto.
Labor de difusión
A formación e adquisición de competencias TIC é un factor clave para achegar a sociedade da información á vida diaria dos galegos. Por esta razón, o plan de acción FLOSS da Xunta de Galicia presta especial atención a este aspecto adicando un importante esforzo a potenciar os mecanismos de formación e difusión en tecnoloxías FLOSS.
Unha das actuacións máis destacables neste eido é a creación dun Repositorio documental sobre Software Libre no que poñer a disposición de toda a cidadanía o material formativo e de difusión elaborado polos distintos axentes FLOSS galegos, así como dende a propia administración a través da Oficina de coordinación FLOSS.
Fonte: imit
