Os desenvolvedores de páxinas web dispoñen xa dun novo CMS capaz de cubrir as funcións máis esenciais dunha web, cunha estética personalizada e dun xeito optimizado para aparecer ben situada nos buscadores (SEO). A ferramenta denomínase MODx e a súa versión candidata está accesíbel dende o pasado mes de maio, estando previsto o lanzamento do produto estábel durante os meses de verán.
MODx vai máis alá de ser un simple administrador de contidos e configúrase tamén como unha plataforma de desenvolvemento PHP. Un dos seus puntos fortes é a API que lle outorga unha alta capacidade de adaptación e personalización incorporando dentro desta, funcionalidades comúns da web 2.0, tales como buscas en vivo, efectos na Web e peticións Ajax.
O novo CMS amosa desde a súa instalación un manexo moito más sinxelo de cara ao usuario. Abonda con crear unha base de datos -incluso se aínda non existe unha base de datos, o instalador intentará crear unha- e a instalación encárgase de actualizar os módulos, de borrar os cartafoles que poñan en risco a seguridade do web ou de permitir seleccionar diferentes idiomas sen baixar ningunha extensión especial,actualmente aínda non dispoñíbel en galego.
A pesar de estar construída en Ajax, a interface é sumamente amigábel, xa que ten unha clara orientación de usabilidade. Pola súa banda, a administración do web, accesíbel tanto desde o frontend como do backend, resulta moi intuitiva ata para os usuarios sen demasiado coñecemento de programación.
Con todo isto, MODx preséntase como a ferramenta ideal para a construción dende cero dun novo portal, pero tamén para a reconstrución de sitios xa existentes, mediante a importación do código de páxinas estáticas HTML.
O CMS, baseado no código MODx Revolution GA, é relativamente novo – a súa primeira versión de proba liberárona o pasado mes de decembro de 2008-. No entanto, este herda o seu código de MODx Evolution, que existe dende o ano 2004 e que xa é empregado en páxinas web de todo o mundo.
Do mesmo xeito que o fan outros CMS de maior popularidade, como Joomla, Drupal…, MODx ofrece toda unha serie de recursos para a personalización do web, tales como modelos, extensións…
Fonte: www.dacostabalboa.com
