Os departamentos gobernamentais responsábeis da promoción e a difusión do software libre nas rexións de Andalucía e Castilla-La Mancha, xunto coas comunidades de desenvolvemento, deron a coñecer estes días as novas versións das súas respectivas distribucións autonómicas, Guadalinex V6 e Molinux 5.0.
Estas actualizacións teñen a súa base no lanzamento o pasado mes de abril da última versión de Ubuntu -versión 9.04 Jaunty Jackalope-, sobre o que están desenvolvidas. No entanto, ambas distribucións introducen novas características, adaptando o produto ao seu usuario tipo.
Guadalinex V6
Guadalinex V6, ao igual que a última versión do Galinux, está baseada na versión 9.04 de Ubuntu, tamén coñecida como Jaunty Jackalope. Existen, no entanto, algunhas diferenzas técnicas entre ambos sistemas operativos. Nalgúns casos estes cambios son de aspecto, noutros, de maior relevancia, trátanse de modificacións no sistema ou na lista de programas e funcionalidades incluídas con respecto ao orixinal que trae de xeito predeterminado Ubuntu.
Guadalinex V6 introduce novos programas, para facer copias de seguridade ou visualizar vídeos nunha ampla variedade de formatos. Algúns programas que antes eran opcionais, agora veñen de serie na versión DVD, como, por exemplo, o "Wine" para executar aplicativos de Windows dentro de Guadalinex; ou foron substituídos por outros máis completos e de máis fácil manexo. Poñamos por caso, Sound-Juicer por Rhythmbox, Serpentine por Brasero, etc…
Outra modificación interesante é que o manual foi reescrito desde cero, nunha linguaxe moi clara e con páxinas dedicadas ás tarefas máis comúns.
Toda a lista de modificacións pode ser consultada en detalle nesta ligazón.
Molinux 5.0
A Consejería de Industria, Energía y Medio Ambiente da Junta de Comunidades de Castilla-La Mancha e o Centro de Excelencia de Software Libre de Castilla-La Mancha publicaron tamén a nova versión do sistema operativo libre Molinux 5.0. O seu nome clave é Dorotea, en referencia á bela doncela que aparecía na obra Don Quijote de la Mancha.
Entre as novidades máis importantes que introduce tamén esta distribución autonómica están a introdución de novos aplicativos como Gru, Tucan ou CompizConfig.
Para obter toda a información sobre as novidades contidas en Molinux 5.0 pode acceder á sección “Novidades desta versión” de www.molinux.info
