Xa temos falado con anterioridade de proxectos audiovisuais de código aberto, que demostran que o software libre pode empregarse con éxito nun contorno profesional de animación.
Por exemplo a primeira película de animación feita integramente con software libre, Elephants dream ou o Apricot Open Game Project: Yo Fankie, proxecto para a creación dun xogo 3D con Blender, co obxectivo de amosar as posibilidades desta ferramenta libre para a creación profesional de xogos 3D. Estes proxectos, ao igual que outros posteriores, teñen en común que foron desenvolvidos empregando só ferramentas libres e tamén que liberaron con licenzas libres os fontes dos mesmos así como toda a documentación xerada no proceso de creación.
Desta volta, damos conta doutro proxecto audiovisual libre, que ten por obxectivo xeral a creación dunha longametraxe de Anime baseándose exclusivamente no uso de aplicativos de fontes abertas. É dicir amosar que o software libre é unha alternativa profesional para a animación.
Trátase do Proxecto Morevna que conta xa con dous anos de traxectoria, e que presenta unha historia baseada no tradicional conto de fadas ruso “Marya Morevna” completamente revisado para darlle un toque futurista e adaptado ao estilo de animación xaponés.
Os obxectivos particulares do proxecto, máis alá da propia creación da longametraxe, son:
- Promocionar o software de fontes abertas e a súa ideoloxía.
- Probar e mellorar os produtos floss existentes ofrecéndolles información adecuada sobres os mesmos aos desenvolvedores dos mesmos e á comunidade.
- Validar ferramentas floss para a creación profesional de Anime con boa calidade visual.
- Prover documentación e manuais para outros artistas, de modo que estes poidan aprender e reutilizar o coñecemento xerado.
As principais ferramentas utilizadas no Proxecto Morevna son:
- Synfig Studio para a animación 2D. Synfig é unha potente ferramenta libre, orientada á industria da creación de animación 2D, deseñada para a produción de películas animadas de calidade con poucos recursos humanos e económicos.
- Blender para o modelado e animación 3D. Aplicativo por excelencia para a animación 3D en software libre, empregado en proxectos de éxito como os mencionados ao comezo deste artigo.
- GIMP e Krita para a edición de imaxes estáticas. Aplicativos para o tratamento de imaxes dos dous contornos de escritorio Linux máis estendidos, Gnome e KDE, respectivamente.
O proxecto Morevna é un esforzo de comunidade con espírito puramente aberto, non hai ningunha produtora detrás del e todo a documentación e materiais xerados publicaranse con licenza Creative Commons. A información que se vai xerando pode consultarse xa no wiki do proxecto (personaxes, guión, screenshots, etc.)
Ademais, como todo proxecto libre, están abertos á colaboración de calquera interesado, buscan xente creativa que se anime a botarlles unha man no seu proxecto como por exemplo deseñadores, tradutores e entusiastas de todo tipo, pois como eles mesmos din: “Aínda que o deseño 3D ou a animación non sexa o teu forte, podes igualmente participar axudándonos na tradución da documentación do proxecto, ou colaborando no desenvolvemento de Synfig Studio …”
Fonte: Bitelia
