Mancomún

Mozilla e Google anuncian dúas API para a creación de extensións en HTML

Martes, 2 Xuño 2009

Parece que as grandes mentes pensan igual. Mozilla e Google anunciaron, cunha semana de diferenza, as súas novas iniciativas para permitir que as extensións para os seus navegadores poidan escribirse usando HTML, JavaScript e CSS, reducindo deste xeito a barreira para a incorporación de novos desenvolvedores.

Estamos a falar de Mozilla Jetpack e Extensións para Chrome.

JetpackSegundo se pode ler no anuncio de lanzamento de Jetpack, en Mozilla están convencidos de que o seu sistema de extensións actual é unha das fontes de innovación máis prolíficas na web actual, e queren ir moito máis alá. Apostan por explorar novos xeitos de estender e personalizar a web proporcionando unha plataforma co obxectivo de que calquera que saiba construír un sitio web poida participar en facer da web un sitio mellor para traballar, comunicarse e xogar.

Google ChromePor outra banda, Google Chrome, ata agora, non proporcionaba a posibilidade de empregar extensións, capacidade que lles foi solicitada a miúdo. Agora parece que se apuntan ao sistema de extensións para aplicativos que tanto éxito lle deu a Firefox e na última versión de desenvolvemento de Chrome incorporan esta nova funcionalidade. As motivacións para dotar ao seu recente navegador dun sistema de extensións son manter o navegador coas funcionalidades mínimas e prover un medio para facilitar a súa adaptación aos gustos persoais dos seus usuarios.
Mozilla Jetpack é unha extensión para Mozilla Firefox que proporciona unha plataforma para o desenvolvemento de extensións empregando HTML.

A principal vantaxe deste novo modelo será non ter que reiniciar o navegador para instalar ou actualizar extensións.

O posíbel inconveniente sería a creación dun sistema de extensións de dobre capa (unha extensión para crear extensións). Con todo é moi pouco probábel que a intención de Mozilla sexa esta, senón máis ben poñer dispoñíbel esta funcionalidade de xeito inmediato, especialmente sendo nova, non probada polo que requirirá comentarios ata ser plenamente funcional. Ademais os desenvolvedores web non terán ningún problema para a instalación dunha extensión e para traballar coa plataforma, enviando a Mozilla os comentarios sobre ela que lle permitan mellorala de cara a ter unha versión 1.0 e nese momento integrala directamente no Firefox, garantíndolles así unha boa entrega aos usuarios finais.

Dende Mozilla Labs informan de que se trata dun proxecto moi novo e aberto á participación de calquera desenvolvedor. Proporcionan varios modos de unirse ao equipo

Google Chrome

Segundo anuncia o equipo de Google Chrome, o obxectivo é proporcionar o xeito máis doado de escribir extensións de maneira que non se precise período de aprendizaxe. As extensións para Chrome serán paquetes .zip que conteñen HTML, CSS e Javascript.

Advirten que, como o seu sistema de extensións está aínda nunha fase moi inicial de desenvolvemento, están engadindo constantemente novas funcionalidades e revisando as API de desenvolvemento en función dos comentarios recibidos. Animan a que calquera que probe o seu sistema lles faga chegar a súas impresións, comentarios …a chromium-discuss@chromium.org

Fonte: Osnews

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal