Mancomún

Mozilla esixe a Canonical a inclusión de licenza de uso de Firefox en Ubuntu

Martes, 16 Setembro 2008
Mozilla recoñece o seu erro e modifica o código para que as versións de SwL non teñan que amosar a EULA
 
UbuntuOs responsables da distribución GNU/Linux máis popular e o navegador libre máis usado están a vivir un momento de confrontación por mor da solicitude de Mozilla para que Ubuntu inclúa un EULA en Ubuntu. Algo que pode ser irrelevante para o usuario final pero que levantou ampla polémica e que algúns critican “por ser contrario á filosofía do Software Libre”.
 
Despois de que Mark Shuttleworth, responsable de Canonical, mostrase o seu descontento polo feito de que Mozilla Corp lles esixira a inclusión dunha EULA para poder usar o nome de Firefox, Mitchell Baker, presidenta da Fundación Mozilla, ven de recoñecer o seu erro e xa informou da modificación do código da EULA para permitir que as versións Open Source non teñan que amosala. Segundo a propia Mitchell Baker, “tal e como estaba non tiña ningún sentido”.

Aínda que isto non soluciona o problema de fondo, que é a liberdade dos receptores do programa para facer as modificacións que crean oportunas, alomenos podería zanxar unha polémica que xa deu moito que falar entre a comunidade de desenvolvedores de Ubuntu.

A este respecto, Shuttleworth xa cualificara a petición de “desafortunada” e, aínda que manifestou que a cumprirían a partir da versión 3.0.2 para seguir incluíndo este navegador por defecto en Ubuntu, contrarrestou o ataque explicando que sería posible instalar unha versión “sen marca” co código de Firefox denominado abrowser. Hai un tempo Debian fixera o propio cambiando o nome de Firefox a “Iceweasel” por esixencias de uso da marca.

A inclusión de licenzas de uso non é o máis estendido no Software Libre, aínda que tampouco é a primeira vez que unha compañía tenta “protexer a súa marca”.

 
Fonte: The Inquirer | Barrapunto
Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal