Dende Mancomún facémonos eco dunha iniciativa que acaba de xurdir, a “Xeración Ñu“, que nace coa idea de dar a coñecer e profundar no mundo da cultura libre galega, sendo esta unha publicación dixital con contidos liberados coa licenza Creative Commons Atribución – Compartir Igual (CC BY-SA).
Xeración Ñu tamén pretende ser un punto de encontro entre persoas activistas a prol do coñecemento libre e tamén tendo un enfoque nas diversas areas libres como son a música, fotografía, pintura, creación audiovisual, mundo empresarial, programación, robótica e máis.
A primeira edición desta publicación dixital arrancou neste mes de maio cunha serie de artigos sobre as Xornadas de Usuarios R en Galicia, un artigo sobre licenzas MIT e GPL, sobre empresas que non din usar software libre, sobre fotografía, son, deseño e algúns de opinión; todo isto dende unha perspectiva do lado do coñecemento, software e hardware libre.
O número cero desta publicación está dispoñible en galego, español e inglés.
