A empresa galega Contidos Dixitais, vén de informarnos do nacemento dun novo LMS, herdeiro directo de Dokeos, da man dunha Fundación denominada Chamilo.
Dokeos, é actualmente unha marca comercial pertencente a un único individuo. Dende hai un ano aproximadamente a comunidade de desenvolvedores de Dokeos vén facendo un enorme esforzo por compatibilizar o carácter de software libre de Dokeos LMS cos intereses do posuidor da marca. Ante a imposibilidade de compatibilizar ambos obxectivos, o 90% da comunidade actual de Dokeos, co obxectivo de garantir o acceso a un software de fontes abertas de calidade, que potencie o valor agregado da comunidade e non ligado a intereses partidistas, decidiu iniciar un novo proxecto de software libre recollendo o legado de Dokeos e sendo polo tanto o seu herdeiro directo.
Así constituíuse a Fundación Chamilo, unha asociación internacional con domicilio fiscal en Bélxica que aglutina empresas, universidades e particulares de todo o mundo. Esta asociación recolle o legado de Dokeos en termos de desenvolvemento e como proba da súa solidez e determinación, preséntase en sociedade lanzando, xa en versión estable, a súa propia adaptación de Dokeos denominada agora Chamilo 1.8.6.2 , existindo xa ademais unha liña de desenvolvemento cara o futuro Chamilo 2.0. Ambas liñas de traballo poden seguirse no xestor de proxectos de Chamilo.
Na web de Chamilo inclúense unha serie de preguntas máis frecuentes sobre este novo LMS, a ligazón para a súa descarga, un sistema de demostración de campus virtual con Chamilo, información de como contribuír co proxecto…
A compatibilidade entre a actual versión de Dokeos e Chamilo está totalmente asegurada, polo que todos aqueles que o desexen poderán migrar ao novo sistema sen riscos.
Contidos Dixitais apoia esta iniciativa e está presente na creación desta Fundación para impulsar de xeito colaborativo esta nova iniciativa en prol do software libre e de calidade. De feito, os servizos que viña prestando sobre Dokeos LMS serán substituídos polo novo LMS, sendo provedor oficial de Chamilo.
Fonte: Contidos Dixitais.
