Mancomún

Nace o preguntoiro de software libre

Venres, 21 Novembro 2014

A Oficinal de Software Libre do CIXUG, vén de poñer en marcha un novo servizo en liña, aberto a toda a cidadanía e non restrinxido ao ámbito universitario. Falamos do preguntoiro de software libre, un servizo de preguntas e respostas dende a comunidade para a comunidade.

Imaxe de pregunta resposta na redeO Preguntoiro de software libre é un sitio web no que os usuarios poden enviar as súas preguntas relacionadas co ámbito das tecnoloxías libres que serán respondidas por outros usuarios do servizo. Conta cun sistema de votacións para as mellores respostas, así como dun sistema de valoración dos usuarios que irán aumentando a súa puntuación segundo a súa participación e a valoración que obteñan das súas respostas.

O funcionamento deste servizo é simple, alguén pregunta e, se outro o sabe, responde. Incluso poden ser varios a responder e os visitantes poden premiar aquelas respostas máis acaidas ou que máis prácticas fosen. O sitio está enfocado a estudantes, técnicos e público en xeral.

Este servizo vén cubrir un oco existente na nosa comunidade, a falla dun bo sistema de coñecemento compartido enfocado á comunidade galega de usuarios de software libre. Un foro onde os usuarios de aplicativos ou sistemas operativos libres poidan facer as súas consultas e ser atendidos na súa propia lingua.

Así que animámosvos a rexistrarvos no Preguntoiro, e contribuír a que medre esta comunidade de autoaxuda, achegando tanto as vosas dúbidas como respondendo ás preguntas que achegan o resto de usuarios. O coñecemento compartido é fonte de riqueza, aproveitemos as novas tecnoloxías para enriquecernos mutuamente.

Question2answer

Este servizo proporciónase grazas ao software “Question2answer”, con licenza GPL2, que segundo reza no seu web, está pensado para axudar a unha comunidade en liña a compartir coñecemento. A xente fai preguntas e obtén as respostas que precisa. A comunidade enriquécese a través dos comentarios, das respostas, do sistema de votación, puntuacións e rankings.

A OSL do CIXUG considerou interesante dispoñer dun servizo de preguntas e respostas para a nosa comunidade así que abordou a tradución do software Question2answer á nosa lingua, e unha vez feito, puxo en marcha este novo servizo.

A OSL pon a disposición pública a súa tradución para que poida ser empregada por calquera. Pode descargarse a memoria de tradución no estándar TMX así como os ficheiros php coa tradución ao galego

Esta actuación forma parte das actividades que a Oficina de Software Libre do CIXUG desenvolve no marco do Convenio de colaboración asinado coa AMTEGA para a difusión do software libre e incluídas no Plan de Acción de Software Libre 2014 da Xunta de Galicia.

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal