Mancomún

Nace Palleira.gal, o catálogo dixital aberto sobre o patrimonio mariñeiro

Luns, 23 Outubro 2017

O pasado sábado 21 de Outubro presentouse ao público o proxecto palleira.gal, un catálogo dixital aberto sobre o patrimonio mariñeiro promovido pola asociación Xeopesca, que nace a semellanza doutros portais similares desenvolvidos nos anos 2015 e 2016, respectivamente, noutras zonas xeográficas de Galicia, como son Mugardos co seu proxecto A Cultura da Auga, que recolle fontes e lavadoiros do Concello de Mugardos, ou Abeancos.gal, que presenta elementos patrimoniais da Comarca Terra de Melide.

A presentación tivo lugar ás 12:30 na Escola do Campo de Combarro (Poio), coa participación de Xosé Rial, en representación da asociación Xeopesca; Alberto Permuy da asociación O Zulo; Xulio Barreiro concelleiro de patrimonio do Concello de Poio e Eladio Otero, xefe do departamento de Innovación Tecnolóxica da Área de Sociedade Dixital da Amtega.

O proxecto Palleira.gal foi promovido pola asociación Xeopesca co obxectivo de crear un catálogo dixital aberto sobre o patrimonio mariñeiro que contribuíse á difusión da cultura galega con licenza libre. O obxectivo marcado para esta primeira edición era catalogar elementos da parroquia de Combarro que destaca polos seus hórreos (palleiras na súa variante lingüística), cruceiros e embarcacións tradicionais. O portal conta cun mapa onde se xeolocalizan todos os elementos patrimoniais xunto cunha ficha de cada elemento rexistrado e unha foto do mesmo. Todo isto con licenza libre a fin de que poida ser reutilizado para calquera uso, sen máis que a obriga do recoñecemento e compartir igual.

O software libre está presente neste proxecto como unha ferramenta que contribúe á consecución do obxectivo principal: a difusión do patrimonio cultural da nosa terra. Grazas ao software libre un equipo multidisciplinar foi quen de colaborar na posta a disposición de toda a cidadanía dun catálogo do patrimonio cultural mariñeiro da parroquia de Combarro do concello de Poio, o que con toda seguridade non tería sido posible de non ser software libre a ferramenta tecnolóxica empregada, nin por suposto a labor altruísta e voluntaria que están a facer asociacións como Xeopesca, Comunidade O zulo de Mugardos ou a asociación Melisa.

Plan de software libre

Esta actividade forma parte das actividades que Xeopesca desenvolve ao abeiro do convenio de colaboración asinado entre a Amtega e as Asociacións Galegas de Usuarios do Software Libre no marco do Plan de Software Libre 2017.

Ao longo deste ano a asociación Xeopesca, ademais deste proxecto desenvolveu máis actividades como o primeiro Concurso de fotografía mariñeira con licenza libre, cuxo fallo vén de ser anunciado esta mesma semana; obradoiros de difusión como “Biblioteca de Hardware Libre”, “Obradoiro de iniciación en Arduino”, “Obradoiro de Iniciación a GIMP“, “Obradoiro de audio nivel avanzado” ou “Obradoiro de edición de audio con software libre” así como a continuidade do desenvolvemento do aplicación xeopesca, unha solución informática libre para crear o rexistro da actividade pesqueira dunha flota de barcos.

Pódese apreciar que unha gran parte das actividades desenvolvidas por esta asociación presenta un lixeiro cambio do foco de atención principal, onde se están a aplicar o traballo en comunidade e a filosofía do coñecemento aberto, propios do software libre, noutros ámbitos como son o hardware libre ou a cultura libre.

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal