Eric Ficheoux, especialistas na xestión do cambio na cidade de Nantes (Francia) falou para a plataforma europea para a colaboración (Joinup) acerca das vantaxes que supoñen para as cidades a aposta por solucións de Software Libre non só en termos sociais se non tamén en termos económicos.
En abril, a cidade de Nantes completou a súa migración a LibreOffice. O fito significou a eliminación da suite ofimática propietaria previa en preto de 5000 postos de traballo e portátiles da administración pública da cidade obtendo un aforro directo de 1.6 millóns de euros o que Eric Ficheoux o expresa coma “un retorno inmediato do investimento (ROI)” coa estimación de aforro en custes de 260.000 anuais con respecto a solución propietaria anterior.
Ficheoux destacou tamén en Joinup que as administracións públicas que deciden facer o cambio a código aberto non se deben de limitar a planificación do cambio propiamente dito se non que deben de asumir a responsabilidade para soster as comunidades de software libre que permitan dar continuidade as tecnoloxías abertas escollidas. No caso de Nantes, para axudar a manter LibreOffice coas debidas actualizacións de seguridade, corrección de erros e adición de novas funcionalidades, a cidade asignou un orzamento de 30.000 euros anuais, ou o 11% do aforro.
A conclusión do artigo ven a dicir que a adquisición e desenvolvemento de código aberto é moi diferente do software estándar. En verbas do propio Ficheoux “hai que se preocupar no śo de facer as cousas, se non tamén de comprobar se as contribucións incorpóranse oficialmente no proxecto para toda a comunidade.” As administracións públicas deben tamén de ser conscientes dos dereitos de propiedade intelectual. Tales cuestións son tratadas nun informe consultivo, compilado polo Ministerio de Economía de Francia en 2014. O informe inclúe modelos a seren utilizados polos responsables dos contratos ao solicitar solucións de TIC baseados en software libre, así como mostras de cláusulas de propiedade intelectual.
