Mancomún

Nextcloud: A nova alternativa a OwnCloud para a xestión de ficheiros na nube

Luns, 31 Outubro 2016

Dende o pasado mes de xullo existe unha nova alternativa de software libre á solución OwnCloud para a xestión de ficheiros compartidos na nube.

Chámase NextCloud e é en realidade un fork do propio OwnCloud, creado por moitos dos desenvolvedores do mesmo, incluído o seu creador Frank Karlitschek que deixaba así a empresa que fundara facía xa 6 anos.

É un caso que ten bastantes similitudes coa aparición fai uns anos de LibreOffice a partir de OpenOffice ou o de MariaDB e MySQL. Entre algunha das razóns para este movemento está a idea de que o novo proxecto Nextcloud sexa máis aberto cara á comunidade.

Dende o punto de vista técnico tamén hai cambios destacables, xa que a primeira versión de Nextcloud, bautizada como Nextcloud 9 incorpora soporte para Spreed.ME, unha plataforma de comunicación baseada en WebRTC para realizar conferencias e chats de texto.

Dende Nextcloud afirman que de cara aos usuarios non haberá ningún problema xa que se manterán todos os contratos de soporte da anterior empresa, e mesmo desenvolveron ferramentas para a migración dende OwnCloud a NextCloud, un proceso que será bastante transparente para os usuarios.

Para ter unha visión máis aproximada do que significa este movemento, e dado que en Galicia contamos con varias empresas que ofrecen servizos sobre OwnCloud, puxémonos en contacto con algunha delas para que nos conten dende a súa perspectiva e con maior coñecemento como ven esta bifurcación de proxectos.

Así, deixamos a continuación unha breve entrevista que lle fixemos á empresa galega Librebit, que levaba tempo traballando con OwnCloud e que está xa a traballar con esta nova solución:

Entrevista con Librebit

Librebit é un consultoría tecnolóxica especializada en administración de sistemas informáticos baseados en GNU/Linux. Monitorización, control e xestión de flotas de equipos en entidades públicas ou privadas tanto a nivel de Software como de Hardware. Leva varios anos ofrecendo servizos sobre ownCloud, tendo feitas implantacións en varios clientes e agora tamén sobre Nextcloud.

A continuación vemos algunhas das súas opinións sobre esta nova solución:

Recentemente apareceu no mercado Nextcloud como alternativa á solución ownCloud. Poderías explicarnos un pouco as diferencias entre ambas solucións?

As principais diferencias atópanse nas novas características que están sendo incorporadas a Nextcloud como vídeo-chamadas con WebRTC, edición en liña de ficheiros de textos, follas de cálculo ou presentacións. Melloran tamén a seguridade incluíndo o 2FA (Segundo Factor de Autenticación) e o control de accesos aos documentos identificando a orixe da conexión, tipos de ficheiros que se poden ver ou tamén se están etiquetados dun xeito específico non poden ser compartidos fora da organización, por exemplo.

Vós como provedores de ownCloud incluídes Nextcloud no voso portfolio. Ides seguir ofrecendo servizos sobre ambas? En caso de preferir unha sobre a outra poderiades explicarnos os motivos?

Actualmente temos clientes nas dúas versións pero estamos facendo a transición de todos eles a Nextcloud de balde. Os principais motivos por elixir esta plataforma son a superioridade en funcionalidades e melloras con respecto a Owncloud. Tamén o soporte e as respostas dos desenvolvedores son máis rápidas en Nextcloud sendo un dos motivos principais da escisión con respecto a Owncloud.

Recomendades aos vosos antigos clientes que cambien de solución a Nextcloud? Cales serían as vantaxes dende o punto de vista do cliente? Como é o proceso de migración nese caso? Tedes xa algunha experiencia?

Si, estamos facendo a migración a Nextcloud. O proceso é moi sinxelo e en menos de 5 minutos é posible cambiar o sistema de Owncloud a Nextcloud nun servidor. De cara ao cliente, non percibe ningún cambio drástico e pode seguir traballando coas súas ferramentas. Notará unha gran mellora visual e a posibilidade de incluírlle novas funcionalidades coma un control máis preciso da información, vídeo chamadas seguras con WebRTC ou incluso edición en liña de ficheiros de textos, follas de cálculo ou presentacións.

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal