Segundo a nota de prensa distribuída por AGASOL, a Asociación de empresas Galegas de Software Libre, esta triplicou o seu volume de negocio durante o último ano.
O crecente incremento da demanda de servizos de software libre en Galicia é xa unha tendencia que está a marcar o proceso de evolución das TIC en todos os seus ámbitos.
AGASOL, que aglutina a día de hoxe a vinte e nove das empresas galegas que traballan con sistemas de código aberto, multiplicou por tres este ano o seu volume de negocio. Segundo o seu xerente, Luis Alberto Fernández, este incremento explícase “debido a que cada vez máis as empresas, as administracións e os distintos actores sociais escollen traballar con programas informáticos libres, que poden ser mellorados e adaptados ás necesidades, ao tempo que adoitan ser gratuítos, e por tanto supoñen un importante aforro económico”.
AGASOL é unha entidade especializada na captación de oportunidades para as empresas de software libre fronte ao software privativo. Neste ano 2011, as empresas desenvolvedoras de software libre melloraron notablemente a súa capacidade de actuación, en parte pola boa resposta que se está obtendo de empresas e particulares que escollen a opción de non ten que pagar polas licenzas do software privativo.
A elección de usar software libre no canto de software propietario concede unha total independencia para escoller proveedor, ofrecendo total liberdade de uso e escapando dos monopolios. Coa aplicación de software libre, o empresariado galego optimizará a súa xestión, aforrando o importante custo das licenzas de software privativo.
AGASOL é a única asociación de empresas galegas que traballan e ofrecen produtos en software libre, que nestes momento contan con 29 asociados. O seu labor é servir de interlocutor entre estas empresas e os potenciais clientes, ademais de establecer canles de comunicación e colaboración coas distintas administracións. Precisamente un dos proxectos máis importantes de AGASOL foi o proxecto desenvolvido en colaboración coa Consellería de Educación, e que procura a integración plena das TIC no ámbito educativo empregando soporte de software libre.
