Mancomún

Noruega achégase ao software libre

Martes, 18 Novembro 2008

O goberno de Noruega prometeu unha inversión para promover o uso no sector público de OpenOffice.org, co fin de reducir a súa dependencia dos programas proporcionados por outras empresas.

 OpenOffice.org

A ministra de Administración e Reforma Pública, Heidi Grande Roeys, dixo que concedería o equivalente a 285.000 $ ao centro nacional de programas libres, co fin de adaptar e promover OpenOffice.org para o seu uso na elaboración de informes públicos, contabilidade e arquivos.

“Desexo un aumento na competencia no mercado dos programas para oficinas. OpenOffice.org é unha boa alternativa aos programas propietarios nesta área”, afirmou.

“O problema é que os programas especializados e OpenOffice.org non adoitan ter o mellor desempeño de maneira conxunta. A achega ten como fin resolver iso”, agregou.

OpenOffice.org está baseado no paquete StarOffice da empresa Sun Microsystems. Esta, con sede en Santa Clara, California, cedeu o código dos seus programas no 2000, coa finalidade de presentarlle un reto ao dominante paquete Microsoft Office, mediante unha alternativa libre, aberta e de gran calidade.

En abril do 2006, o goberno de Noruega anunciou un programa a longo prazo para incrementar o uso de programas de código aberto e reducir a súa dependencia respecto a xigantes da informática coma Microsoft.

Vía LaFlecha.net

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal