Mancomún

Nova beta de GALPon MiniNo

Luns, 19 Abril 2010

Logo de GALPon MiniNo O equipo de desenvolvemento da distribución galega GALPon MiniNo vén de anunciar que, tras moitas horas de traballo, poden presentar a nova versión beta desta distribución dirixida, fundamentalmente, a computadores con poucos recursos.

Entre as novidades que presenta destacan o seu aspecto anovado así como moitas melloras e novas utilidades, sempre co fin de ofrecer un bo produto para equipos antigos, que doutro xeito poderían acabar no lixo, por non contar con recursos de abondo para executar outros sistemas operativos modernos e pesados. Ademais destas novidades, hai que resaltar o especial coidado na localización de todos os aplicativos incluídos nela, xa que nesta ocasión, segundo datos facilitados polo equipo de desenvolvemento, o grao de tradución ao galego é do 100% practicamente, estando ademais tamén dispoñible en español e inglés.

O equipo de desenvolvemento fai un chamamento especial a documentadores ou aficionados a facer titoriais ou videotitoriais, para axudarlles a actualizar as páxinas da axuda de GALPon MiniNo. Por suposto, tamén anima a todos os interesados en instalar esta versión Beta a achegarlles as súas impresións, suxestións, dúbidas, problemas, … á lista de correo de MiniNo en Google Groups, o que contribuirá a mellorar aínda máis este produto.
A nova versión beta de GALPon MiniNo está dispoñible para a súa descarga dende a web, nas seguintes ligazóns:

Novidades destacadas de GALPon MiniNo:

  • Xeración automática dun LiveCD cun simple clic.
  • Escritorio dobre, baseado en ROX-Filer (principal) e PCManfm, con posibilidade de cambio ao voo.
  • Lxp-icewm con interesantes características extras con respecto a IceWM: miniaplicativos para controlar o volume, a enerxía da batería, a localización do teclado, selector de escritorios, aparencia máis coidada, etc.
  • Actualización automática dos menús ao instalar programas.
  • Temas de ventás de deseño propio, moi frescos e actuais, inspirados no tema «Clearlook».
  • Agora as tarxetas e memorias USB aparecen automaticamente no escritorio.
  • Montaxe automática de arquivos comprimidos (zip, tgz, deb, iso…) coa posibilidade de ver ou utilizar o seu contido sen necesidade de descomprimilos.
  • Barra superior de miniaplicativos para realizar tarefas puntuais ou con ficheiros de forma masiva, por exemplo: cortar/unir ficheiros, calcular a suma md5, redimensionar ou virar imaxes, queimar unha imaxe de cd, crear un CD de son, converter entre distintos formatos de vídeo e son, instalar tipos de letra no sistema…e todo iso simplemente arrastrando cara ao miniaplicativo os ficheiros que se queren tratar.
  • Entre os aplicativos incluídos nesta versión están: abiword, mtpaint, ayttm, leafpad, fotoxx, printoxx, gliv, xmms, mplayer, mhwavedit, winff, epiphany, bashare…

Fonte: GALPon

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal