A Amtega abre hoxe o prazo de inscrición para a obtención da Certificación galega de Competencias Dixitais en Ofimática (CODIX) tras o seguimento do curso de preparación na modalidade de teleformación. Así se recolle na convocatoria publicada onte no Diario Oficial de Galicia (DOG).
Ofértanse un total de 180 prazas para este curso preparatorio que comezará en setembro e cuxo exame presencial terá lugar en novembro. O prazo de inscrición será de cinco días hábiles a partir do seguinte da publicación da convocatoria no DOG.
O curso de preparación será na modalidade de teleformación titorizada a través da plataforma EMA da rede CeMIT, polo que só é necesario contar cun ordenador persoal e conexión a internet para seguir a formación dende calquera lugar e en calquera momento. Terá unha duración de 12 semanas (190 horas lectivas) entre o 5 de setembro e o 27 de novembro.
As persoas que completen a totalidade do curso de preparación dentro do prazo establecido poderán optar voluntariamente á proba da avaliación final convocada pola Amtega, a través da rede CeMIT, para acreditar as capacidades, as destrezas e os coñecementos globais en ofimática co fin de obter a certificación. O exame para a obtención da certificación será presencial en Santiago de Compostela e, polo menos, nunha aula CeMIT de cada provincia segundo a dispoñibilidade e datas que se establezan na posterior convocatoria que se publicará na plataforma de teleformación da rede CeMIT.
Para acceder a este curso os únicos requisitos necesarios son ser maior de 16 anos, estar dado de alta como usuarios da rede CeMIT e abonar a taxa correspondente aos dereitos de exame. O prazo de inscrición será de cinco días hábiles a partir do seguinte da publicación da convocatoria no DOG. Unha vez finalizado o prazo de inscrición, publicarase a relación provisional de persoas admitidas na páxina web da rede CeMIT así como un número adecuado de reservas. As persoas admitidas deberán aboar no prazo de cinco días desde a data da súa publicación a taxa de 10 euros correspondente aos dereitos de exame, sendo excluídos aqueles aspirantes que non aboen a citada taxa.
Plan Formativo Ofimático de Galicia
Durante as 12 semanas de duración deste curso, as persoas matriculadas formaranse nos contidos que compoñen o Plan Formativo Ofimático de Galicia, composto actualmente polas cinco unidades nas que se estrutura o módulo formativo MF0233_2 «Ofimática» (190 horas) do Repertorio Nacional de certificados de profesionalidade:
- Sistema operativo, busca da información: internet/intranet e correo electrónico (30 horas)
- Aplicacións informáticas de bases de datos relacionais. LibreOffice Base (50 horas)
- Aplicacións informáticas para presentacións: gráficas de información. LibreOffice Impress (30 horas)
- Aplicacións informáticas de tratamento de textos. LibreOffice Writer. (30 horas)
- Aplicacións informáticas de follas de cálculo. LibreOffice Calc (50 horas)
Aproveitamos para lembrar que os materiais formativos que compoñen estes cursos foron elaborados seguindo as boas prácticas recollidas na Guía de boas para a publicación de obras documentais da Xunta de Galicia e están tamén dispoñibles para a súa consulta e reutilización no Repositorio documental de Software Libre.
Ademais poden ser seguidos libremente na súa modalidade de autoformación (sen titorización) dentro da plataforma de teleformación da rede CeMIT http://cemit.xunta.gal/ema, na que se poden consultar tanto os contidos específicos dos diversos módulos que compeñen o CODIX como diversos casos prácticos e test de exemplo. Ademais
Próximas convocatorias de exames presenciais
Esta convocatoria forma parte do Plan de Formación da rede CeMIT para este segundo semestre do ano 2016, que tivo o seu inicio na primeira metade do ano cunha primeira edición dun curso de teleformación titorizada que vén de rematar o mes pasado.
Ademais destes cursos preparatorios, realízanse ao longo do ano dúas convocatorias de exames presenciais para aqueles cidadáns que xa posúan os coñecementos necesarios ou que opten pola modalidade autoformativa, ata chegar a un total de 1.000 prazas dispoñibles para que a cidadanía poida acreditar as capacidades, destrezas e coñecementos en ofimática definidos no dito plan.
A primeira destas convocatorias fíxose en Marzo, e en outubro abrirase unha nova convocatoria de avaliación para aquelas persoas que xa posúan os coñecementos necesarios e non precisen cursos de formación titorizada.
Dende a habilitación da rede CeMIT para a formación e avaliación dos contidos formativos do CODIX en maio de 2014, foron preto de 1.000 as prazas convocadas en cursos de teleformación titorizada e de 1.900 as persoas que se someteron á avaliación dos seus contidos nas diferentes edicións das probas presenciais convocadas e que se realizaron en diversas aulas da rede CeMIT.
