- As probas presenciais celebraranse os días 27, 28 e 29 de abril nas aulas CeMIT de 31 concellos de toda Galicia
- Os interesados poden inscribirse a través da web da Rede CeMIT
- Están orientadas a aquelas persoas que xa posúen os coñecementos necesarios ou que optan pola modalidade autoformativa
- Este certificado, que emite a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, acredita a formación nesta materia da persoa titular ante calquera instancia pública ou privada
A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) convoca preto de 500 prazas de avaliación para a obtención da certificación galega en competencias dixitais en ofimática (CODIX). Esta convocatoria, publicada onte no DOG, está orientada a aquelas persoas que xa posúen os coñecementos necesarios das aplicacións informáticas que compoñen o módulo formativo MF0233_2 «Ofimática» baixo o paquete de LibreOffice.
A inscrición poderá realizarse desde mañá a través de web da Rede CeMIT sendo o único requisito o de ser usuario/a da rede CeMIT. No caso de que existan máis solicitantes que prazas convocadas, realizarase un sorteo alfabético entre as persoas inscritas para establecer a orde de prelación para poder efectuar a matrícula.
As probas celebraranse os días 27, 28 e 29 de abril en diversas quendas de mañá e tarde que nesta ocasión vanse a celebrar nas aulas CeMIT dos seguintes 31 concellos: Ames, O Barco, Barreiros, Boiro, A Cañiza, Carballedo, Celanova, A Coruña- Eiris, Cuntis, A Estrada, Fisterra, Fonsagrada, A Guarda, Lalín, Marín, Monforte de Lemos, Narón, Oroso, Ortigueira, Ourense, Pontedeume, As Pontes, Pontevedra, Ribeira, Santa Comba, Santiago Compostela, Sarria, Tomiño, Valga, Vigo e Xunqueira Ambía.
Avaliación
Para obter o CODIX é preciso superar un exame de 50 preguntas tipo test referidas aos contidos do Plan Formativo Ofimático de Galicia, composto polas cinco unidades nas que se estrutura o módulo formativo MF0233_2 «Ofimática» do Repertorio Nacional de certificados de profesionalidade:
• Sistema operativo, busca da información: internet/intranet e correo electrónico Aplicacións informáticas de bases de datos relacionais. LibreOffice Base
• Aplicacións informáticas para presentacións: gráficas de información. LibreOffice Impress
• Aplicacións informáticas de tratamento de textos. LibreOffice Writer.
• Aplicacións informáticas de follas de cálculo. LibreOffice Calc
Os materiais formativos que compoñen estes cursos foron elaborados seguindo as boas prácticas recollidas na Guía de boas para a publicación de obras documentais da Xunta de Galicia e poden ser seguidos libremente na súa modalidade de autoformación dentro da plataforma de teleformación da rede CeMIT http://cemit.xunta.gal/ema, na que se poden consultar tanto os contidos específicos dos diversos módulos que compeñen o CODIX como diversos casos prácticos e test de exemplo. Ademais están tamén dispoñibles para a súa consulta e reutilización no Repositorio documental de Software Libre.
Máis de 1.000 prazas no ano 2015
Esta convocatoria forma parte do Plan de Formación da rede CeMIT para este ano 2016, que terá a súa continuación no segundo semestre (a partir do mes de setembro) coa convocatoria dun novo curso de teleformación titorizada e unha nova convocatoria de probas presenciais.
Dende a habilitación da rede CeMIT para a formación e avaliación dos contidos formativos do CODIX en maio de 2014, foron mais de 1.000 as prazas convocadas en cursos de teleformación titorizada e de 1.600 as persoas que se someteron á avaliación dos seus contidos nas diferentes edicións das probas presenciais convocadas e que se realizaron en diversas aulas da rede CeMIT.
A estes datos hai que engadir as mais de 300 actividades e cursos en ofimática en software libre que veñen realizando as diferentes aulas CeMIT de forma presencial durante o último ano como preparación orientada á presentación para estas probas libres, así como os 1.700 accesos aos contidos específicos do CODIX aloxados na plataforma de teleformación a través de internet (http://cemit.xunta.es/ema)
A Rede CeMIT
A Rede CeMIT (Rede de Centros para a Modernización e a Inclusión Tecnolóxica), está integrada por 98 aulas, presentes en 92 concellos e 53 comarcas co obxectivo de promover o uso das novas tecnoloxías entre a poboación, con especial atención aos colectivos máis afectados pola fenda dixital, fomentar a formación dixital entre os profesionais galegos e mostrar á pemes e micropemes as vantaxes da sociedade da información.
