O pasado mes de setembro Mancomún liberou parte da documentación elaborada como material didáctico do Plan de capacitación TIC en software libre do que se celebraron dúas edicións, unha en xuño de 2008 na cidade de Santiago de Compostela e outra en xaneiro de 2009 na cidade de Vigo.
Hoxe informámosvos da publicación dunha nova serie de artigos de introdución á implantación de proxectos de software libre, no que se abordan temas que permitan ao persoal directivo ou xefes de proxecto achegarse aos conceptos básicos relativos ao software libre, as vantaxes e desvantaxes do seu uso ou aos aspectos legais relativos ao software libre…
Concretamente, a lista de artigos publicados é a seguinte:
- Conceptos básicos de software libre e de código aberto
- Vantaxes e desvantaxes do software libre
- Casos de éxito
- Modelos de negocio baseados en software libre
- Aspectos legais
Esta documentación publícase no noso wiki para facilitar que calquera persoa da comunidade poida actualizala, mellorala ou completala sen máis que rexistrarse no wiki e proceder á súa edición.
Animámosvos a que contribuades na medida das vosas posibilidades para obter unha documentación técnica de calidade e en galego.
Publicación no DVD da PEME
Todos os artigos da documentación de apoio á capacitación TIC en SwL incluíronse tamén no DVD da PEME en formato odt.
Incluíuse tamén un documento pdf coa documentación completa para facilitar a súa consulta fora de liña así como a súa distribución. Deste xeito increméntase o número de persoas que poden tirar proveito desta documentación.
